Skip to main content

A bandeira

simbolos galicia institucions

 

simbolos galicia institucions

 

simbolos galicia institucions

¡En pé!

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medudio
con sangre quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre honrada chouza!

¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa!”

Ramón Cabanillas:
"Da terra asoballada"

simbolos galicia institucions

Parlamento de Galicia. Cabo da bandeira do Estado, en lugar preferente, os nosos símbolos.

Acabamos de ler unha composición firme e emotiva do poeta Ramón Cabanillas sobre a nosa bandeira, sobre o que significa e representa para a comunidade dos galegos. Nela, en efecto, faise visible e patente o ser do noso pobo: cos seus dramas e problemas, alegrías e esperanzas… E ó vérmola sentimos a Galicia presente.

Claro que a nosa bandeira non foi sempre como hoxe a contemplamos. Os galegos do pasado xuntáronse, cantaron, sufriron ou choraron ó pé dun ou outro símbolo aparentemente distinto do actual pero que no fondo significaba o mesmo.

Nas súas orixes, a bandeira galega foi branca ou vermella, indistintamente, cun escudo no centro. Andando o tempo, a vermella foi converténdose nos distintos pendóns que representan ós concellos –como o que aquí se asoma-. A color branca tivo máis fortuna, como habemos ir vendo.

Era o ano 1809. Galicia e España enteira estaba en guerra cos franceses. Un grupo de mozos da Universidade de Santiago decidiu intervir tamén na loita co nome de Batallón Literario. Decididos a combater en terras galegas ó invasor francés, querían ter presente a Galicia dunha maneira ben visible e clara –ante eles mesmos e ante os ocupadores- de tal modo que os franceses se decatasen de que estaban en loita cos galegos. Por iso o batallón de literarios levaba a súa bandeira, a fermosa bandeira que mostramos aquí e que aínda se conserva nas dependencias da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago.

Branca foi tamén sen dúbida a bandeira que no ano 1846 se alzou desde Galicia contra a opresión do goberno centralista e en favor da dignidade dos galegos. Semella verdadeiro milagre que a enseña daquel colectivo de civís e militares sublevados non quedase tinguida co sangue dos brutais fusilamentos, pois os valentes galegos que á sazón se levantaron só polo ben da terra tiveron final tráxico na vila coruñesa de Carral. Para a memoria común de todos nós, érguese alí en testemuña desa data o Monumento ós Mártires.

simbolos galicia institucions
Fragata americana de fins do século XVIII na que aparece a antiga bandeira branca de Galicia coas armas do Reino incorporadas.

simbolos galicia institucions
Bandeira do Batallón de Literarios

A conciencia colectiva dos galegos medra a partir destes feitos referidos. Séntense máis unidos e afirmados porque tiveron a voz forte e unificadora dun Antolín Faraldo ou dun Alfredo Brañas, que falan da bandeira, e de nós ó redor dela, en libros, discursos, cartas e xornais. Brañas aínda se refire a ela co nome de branco pendón de Galicia.

Era aquel tamén o tempo no que as mellores forzas de Galicia fuxiron como un río para as terras de América na percura do pan que aquí se lles negaba. En países como Cuba, Arxentina ou Uruguai, primeiro, e máis tarde nas nacións de centroeuropa, os galegos emigrados sentiron sempre unha grande señardade, un fondo vínculo de unión sentimen tal coa súa terra. E para lembrala e facela máis presente, decidiron agruparse. Estes centros de reunión que eles crearon son os Centros Galegos, numerosísimos hoxe en todo o mundo. Era naturalmente a bandeira galega o símbolo que presidía no alén mar os labores e os contactos dos galegos, visible sempre nas súas reunións, representando a Galicia e facéndollela próxima cando máis tristes ou máis ledos se atopaban.

 

¿Cal foi a causa de que a bandeira branca se impregnase da cor azul do ceo? Non se sabe con certeza de onde procede a franxa celeste que exhibe a nosa enseña. Quizais que sexa evocación do mar, do ronsel sobre o océano da grande travesía emigratoria. Ou quizais da bandeira da Comandancia de Mariña da Coruña, chegada un día ás mans dos emigrados e confundida por eles coa galega. E quizais tamén como influencia do azul presente en distintas bandeiras dos países de América cos que estaban en contacto. Sen que debamos descartar tampouco, en fin, certos motivos e matices azulados que figuraban e figuran nalgúns pendóns galegos.

Cando en 1908 morre na Habana Manuel Curros Enríquez, xa a enseña azul e branca tre- meceu no vento desde os centros galegos e incluso non galegos. Despois, acompañou ó egrexio finado a través do mar na súa volta definitiva á Terra, para arroupalo no campo santo coruñés de San Amaro.

A nosa bandeira quedaba, pois, fixada tal como a vemos hoxe. Así a levantarán as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Partido Galeguista, fitos que dignifican a historia de este pobo. Así a recolle tamén e a oficializa a actual Lei de Símbolos promulgada polo goberno de Galicia: A bandeira de Galicia é branca, cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito. Deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma.