Skip to main content

Aposta pola unidade mixta Navantia-UDC para impulsar o estaleiro do futuro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na xornada de traballo organizada por Navantia e a Universidade da Coruña para avaliar os avances da Unidade Mixta de Investigación que están a desenvolver ambas entidades co apoio da Axencia Galega de Innovación. Unha iniciativa que, segundo explicou Conde, busca impulsar en Galicia o estaleiro do futuro co obxectivo de aumentar a produtividade do sector e reducir os tempos e os custos de fabricación. “Esta investigación oriéntase cara o estaleiro 4.0 a través de dúas liñas de traballo: a optimización dos procesos produtivos, mediante o desenvolvemento dun estaleiro dixital para traballar en deseños e estratexias construtivas; e a realización de novas ferramentas, para a mellora da automatización e robotización das técnicas de construción”, incidiu Conde.

A iniciativa mobilizará un investimento de 2,3 millóns e xerará 18 empregos cualificados. Os traballos levados a cabo, sinalou o conselleiro, buscan dotar ao naval galego de “prestacións imprescindibles” para dar un salto cualitativo na súa competitividade. Neste sentido, explicou Conde, o proxecto terá un impacto “real e inmediato” en Navantia, sendo xa de aplicación para o programa das próximas fragatas F-110. Ademais, destacou o conselleiro, as tecnoloxías que sairán desta Unidade Mixta reforzarán a capacidade do estaleiro público na súa aposta pola diversificación no mercado da eólica off-shore. Unha capacidade que, como lembrou, xa está a demostrar a través dos programas Wikinger e Hywind.

Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria avogou por seguir cooperando para levar a Industria 4.0, “na que estamos a traballar a través da Axenda da Competitividade, ás nosas gradas e á nosa industria auxiliar”. Unha aposta innovadora para a que, segundo resaltou o conselleiro, o sector conta con distintos instrumentos como o programa Conecta Pemes, que vén de abrir unha terceira convocatoria, ou as propias Unidades Mixtas, que suman tres proxectos na industria naval permitindo avanzar na mellora do deseño e fabricación de eixos de buque ou na busca de solucións tecnolóxicas de baixo custe. Así mesmo, Conde recordou o proxecto que se está a levar a cabo no CIS Ferrol, no que “o sector está a dar os primeiros pasos na implantación do Naval 4.0”. Unha iniciativa na que participan a propia Navantia, Aclunaga, Aimen, o ITG, Soermar e o Colegio de Ingenieros Navales, e que busca acadar tecnoloxías de vangarda, optimizar as xa existentes, acadar novos nichos de mercado e captar máis fondos europeos.

Neste contexto, o conselleiro avogou por seguir cooperando na aposta pola innovación como “sinónimo de futuro do naval galego”. Unha aposta que, salientou, persegue gañar novos contratos e posicionarse internacionalmente nos nichos de mercados máis prometedores, como o da eólica off-shore ou os buques propulsados por GNL.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia