Skip to main content

Manuel Fraga acusa á ministra de Fomento de negar a validez do Plan Galicia

Manuel Fraga, presidente da Xunta, acusa á ministra de Fomento de “negar a validez” do Plan Galicia. Nunha entrevista publicada hoxe na revista Tiempo, o xefe do Executivo autonómico destaca que “non ten nada contra” Magdalena Álvarez pero indica que “ela parece ter algo que non é favorable a Galicia”. Neste sentido, lembra que o Plan Galicia “foi acordado por un Consello de Ministros nunha sesión memorable no Concello da Coruña” e que Álvarez “lle ten negado validez”. A este respecto, engadiu Manuel Fraga, “estreou” o seu mandato no ministerio “suspendendo dúas licitacións xa convocadas da liña de alta velocidade no treito Ourense-Santiago”, que o titular da Xunta entende como “claves”.

“Eu sempre procurei entenderme con todo o mundo –explica o máximo mandatario galego- pero ela ten mantido a súa actitude e o diñeiro que estaba destinado a Galicia estase indo para Asturias, Andalucía, cando aquí fai máis falla”. Así mesmo, lembrou que Magdalena Álvarez ten declarado á Comunidade Galicia como “non grata” e por este motivo, aínda que lle profesa “o maior dos respectos”, non ten “absolutamente nada que agradecerlle”.

PACTO ENTRE AS FORZAS MAIORITARIAS

Por outra banda, o xefe do Executivo galego reiterou a súa postura verbo da reforma da Carta Magna. Fraga asegurou que, hoxe, “xogar coa Constitución, que ten funcionado tan ben durante estes anos, é xogar con lume”. O presidente da Xunta referíase ao novo escenario político planteado polo Plan Ibarretxe. Con este referente no horizonte, ao que sinalou como “soberanista e separatista”, Manuel Fraga indicou que a “gran coalición” de partidos maioritarios que ten exposto nun dos máis destacados foros políticos de Madrid hai uns días, é cada día “máis necesaria”. “Ata o de agora non hai unha proposta oficial de partido a partido” dixo e explicou que esto é así porque “probablemente non sería aceptada”.

Manuel Fraga afondou neste tema asegurando que “co sistema actual, por non chegar a acordos fundamentais entre os dous partidos principais, se fomentan separatismos”. Sobre a posibilidade de resultar “alarmista” por afirmar que o Goberno fomenta o separatismo” enunciada pola entrevistadora, Manuel Fraga declarou que “non cre” ter dito iso en “sentido intencional” pero indicou que “a verdade nin dana nin ofende”.

Sobre o futuro das eleccións en Euskadi, o titular da Xunta indicou que “alí non hai máis ca un problema que se chama ETA”. “A historia –dixo Fraga- é que alí hai xente que ten que estar pendente de que non lle peguen un tiro. E o Goberno e a súa Ertzaintza non teñen dado a batalla”.

CORRUPCIÓN EN CATALUÑA

Así mesmo, o xefe do Goberno autonómico rexeitou que en Galicia existise corrupción, preguntado polo caso do cobro de comisións do 3% en Cataluña. Manuel Fraga dixo que mantén “unha boa relación persoal con Maragall” co que coincidira en Montevideo recentemente e que en Galicia “non ocorre semellante cousa nin ocorrerá mentres eu estea aquí”. Neste eido –preguntouse- “¿cómo pode un asegurar que algunha persoa algunha vez non teña abusado un pouco?” pero replicou que “no conxunto, esa sexa a tónica de Galicia ninguén o pode dicir”.

AZNAR

O titular da Xunta reiterouse nas súas declaracións respecto da traxectoria de José María Aznar. Del asegurou que “ten sido o mellor gobernante que tivera España dende a Transición”. Expuxo que esto foi así “porque ten funcionado con sentido común e non como os socialistas, que van cambiando constantemente”. Aínda que recoñeceu que o ex presidente non demostrara “grande interese” por algunhas das súas propostas verbo da reforma do Senado ou a Conferencia de Presidentes Autonómicos, indicou que “non teño nada que reprocharlle a Aznar porque as reformas non se poden improvisar”. “Eu con Aznar teño cumprido moi ben. Teño colaborado con el lealmente durante todo este tempo e estas propostas que eu xa fixen baixo un goberno socialista, non se tocaron demasiado, tampouco houbo controversia. E agora parece que empezan a moverse”, concluíu.

Na entrevista publicada hoxe o xefe do Executivo galego tamén fai referencia á “improvisación e á vaguidade” da Comisión do 11-M. Manuel Fraga rexeitou as súas “bases moi xerais” e indicou que “para eso é mellor non facer nada”, aínda que matizou que “son catástrofes terribles e que hai que loitar” por saír adiante .
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia