Skip to main content

Clausúrase o programa Venres nas Librarías 2015 con encontros literarios e musicais

O programa Venres nas librarías clausura a actividade de dinamización do libro e da lectura de 2015 con dous encontros literarios e musicais para o público infantil nos concellos de Vigo e Ourense, que terán lugar o sábado, 28 de novembro.

Ás 12:00 horas, na libraría Andel da cidade viguesa, As Maimiñas, o grupo de autoras formado por Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, propoñeranlles aos máis novos unha viaxe musical e literaria arredor do mundo, na que presentarán o seu libro-disco ‘Unha viaxe polo mundo’, da Editorial Galaxia.

Promovido polas consellerías de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, e de Economía e Industria –a través da Dirección Xeral de Comercio–, pola Federación de Librarías e pola Asociación Galega de Editores (AGE), Venres nas librarías tamén despedirá a programación de 2015 en Ourense, na libraría Káthedra. Alí, ás 12:30 horas, o músico e compositor coruñés Fran Amil fará gozar os máis novos cos poemas ilustrados e musicados do seu traballo ‘Un conto ao revés’, da Editorial Galaxia.

Promoción do libro e da lectura

Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, Venres nas librarías ofreceu semanalmente, os venres e os sábados, actividades para público adulto e infantil dirixidas a promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.

Co obxectivo principal de promover o libro e a lectura, Venres nas librarías iniciou o pasado 2 de outubro a súa segunda edición, que terá continuidade en 2016 con novas actividades durante os meses de febreiro e de marzo. Neste tempo, o programa ofreceu semanalmente, os venres e os sábados, actividades para público adulto e infantil dirixidas a promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.

Coa participación de 8 editoriais e 17 librarías

Un total de 8 editoriais –Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora– e de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– participan neste espazo de encontro entre público lector, libreiros e libreiras, e escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas.

Concursos nas redes sociais

Nestes dous meses, o programa tamén desenvolveu nas redes sociais, a través das contas de Twitter @conscultura e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta o concurso Andel do agasallo, con libros de regalo para as persoas que acertaron, a través de pistas, as publicacións das que se falou cada semana.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia