Skip to main content

NÓS-Candidatura Galega presenta un programa electoral contra os recortes

NÓS-Candidatura Galega presenta un programa electoral en dúas claves: recuperar para maioría social os dereitos perdidos polos recortes do PP e situar os problemas e os intereses de Galiza na axenda do Estado, collendo o relevo do traballo desenvolvido polo BNG ao longo de 20 anos no Congreso.

“Son propostas moi concretas para darlle a volta a catro anos nefastos de recortes, de políticas antisociais e antigalegas”, sintetizaba a cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán. “Estamos nunha situación límite e non vale coas grandes frases. NÓS presenta un programa netamente galego, social e contra os recortes, con propostas moi concretas a favor da mocidade, das persoas maiores, para manter a sanidade pública, ás infraestruturas, e como apoio aos sectores produtivos e emprego”, explicou.

Nun Congreso sen maiorías absolutas, ca reformulación do actual marco institucional, tamén forman parte destacada das propostas de NÓS os asuntos relacionados co marco competencial, o sistema de financiamento e as medidas de rexeneración democrática. “Galiza ten que ter voz para avanzar cara máis autogoberno”, indicou Adán.

NÓS-Candidatura Galega aposta por derogar a lexislación estatal que invade competencias autonómicas mesmo a costa de prexudicar os intereses galegos, -Lei de Costas en relación a permanencia de ENCE, Lei do comercio que fixa horarios que penalizan ao comercio local, Lei de reforma local, que limita a prestación de servizos de proximidade dos concellos-.

Igualmente, propón suprimir as institucións propias dun modelo de estado obsoleto, como as deputacións provinciais e as delegacións de goberno, e tamén os ministerios con materias transferidas, como Educación ou Sanidade.

“A proposta de NÓS pasa por un modelo territorial e administrativo propio que recolla a situación xerada pola crise demográfica, que mancomune servizos en cooperación entre concellos, superando o marco da provincia. Eu son de Ribeira de Piquín e nada ten que ver iso coa Mariña lucense”, exemplificaba Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo.

Recadación impostos desde aquí
En clave fiscal e financeira, NÓS propón un novo sistema de financiamento autonómico baseado nun concerto ou cupo co Goberno central que vaia ligado á creación dunha Facenda galega, “que non é outra cousa que ter a capacidade total de recadar os impostos aquí para investilos como se decida desde aquí”, indicou Olaia.

Un modelo de financiamento que se completa cunha nova fiscalidade con medidas claras: imposto específico para as grandes fortunas, tributación en Galiza para as empresas que teñan centros de produción aquí, supresión das Sicav que permiten a evasión fiscal das empresas e persecución da fraude.

Cambios normativos para favorecer a rexeneración democrática como poñer fin ás portas xiratorias, modificación da lei electoral a favor dun sistema que sexa absolutamente proporcional na asignación de escanos, circunscrición electoral única para Galiza e voto segredo en cabina no colexio electoral. “Hai que rematar co correo masivo de papeletas por democracia, aforro público e mesmo por criterios medio ambientais”, argumentaba Rodil.

Desafiuzar a Rajoy da Moncloa
En materia social, NÓS propón impedir executar desafiuzamentos cando se trata da primeira e única vivenda vivenda, así como a dación en pago con efectos retroactivos: “Se quedas sen a vivenda, non se pode manter a débeda, é cuestión de pura lóxica contra unha medida de usura que empobrece ás familias”, argumentou o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón. “O único desafiuzamente que propoñemos para parar todos os demais e o de Mariano Rajoy da Moncloa”, ironizou.

Recuperación progresiva dos dereitos laborais perdidos polas sucesivas reformas legais, máxime cando Galiza está a cola en salarios pero suma máis horas de traballo. Incrementar o SMI ao tempo que se propón fixar un salario máximo cifrado en dez veces o salario medio. “Se os grandes directivos queren gañar máis que tamén suban o salario dos seus traballador@s que son as que crean riqueza”, alega Callón. Revalorizar por lei as pensións cun incremento do IPC como mínimo.

Tarifa eléctrica galega propia para que familias e empresas se beneficien da condición de produtor e exportador de electricidade do país, medidas para fomentar as enerxías limpas, -“agora que estamos en pleno cumio do clima”-, e traspaso da xestión de infraestruturas vitais como a AP-9, figuran tamén no programa.

En materia educativa, derogar a lei wert, incrementar o número de bolsas así como a súa xestión directa e a redución progresiva ata un 50% nas matrículas universitarias ao longo da lexislatura.

Mocidade, prioridade política

“NÓS considera necesario converter á mocidade nunha prioridade política”, explica a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas. Neste sentido, NÓS presenta medidas concretas para fomentar a súa participación social, como reducir a idade de voto aos 16 anos, acabar cos contratos lixo, reforzar a inspección de traballo para acabar coa contratación en B, suprimir recortes nas cotas das empresas á seguridade social porque reducen ingresos públicos,”, enumerou Presas. “A mocidade está nunha situación de emerxencia laboral, o que require un plan específico de emprego xuvenil”, alegou.

Lei de consultas para que as persoas podan ser consultadas directamente e derogación da Lei mordaza, “porque basta xa da criminalizar a protesta e da disidencia”, reclamou Presas, quen tamén salientou como propostas de programa un modelo racional e xestionado desde Galiza das infraestruturas. “Non me serve de nada poder chegar desde Ourense a Santiago en 40 minutos se iso me custa 16,20 euros en tren e non podemos pagalos cos nosos salarios”, concluíu.


Enlace: http://noscandidaturagalega.gal/wpcontent/uploads/2015/11/programaelectoral-xerais.pdf
NÓS-Candidatura Galega