Skip to main content

Xunta e Caixa Galicia amosan o seu firme compromiso co sector da pesca e do marisqueo de Galicia

O titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga, asinou dous convenios de colaboración que teñen por obxecto axudar á Federación Galega de Confrarías de Pescadores a impulsar as súas accións, centradas especialmente no proceso de ordenación e profesionalización do sector da baixura e do marisqueo en Galicia. Así, por unha banda, a Xunta asinou un convenio con Caixa Galicia, a Fundación Arao e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores mediante o cal esta entidade financeira achegará máis de 200.000 euros, a través da Fundación Arao, para a adquisición dos locais que alberguen a sede da Federación. Paralelamente, ao abeiro doutro convenio asinado entre a Consellería de Pesca e a Federación, a Xunta destina 300.000 euros para a posta en funcionamento das actividades propias desta organización.

A sinatura de ambos os dous convenios tivo lugar en San Caetano, nun acto no que tamén participaron o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos; Enrique López Veiga; o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luis Méndez; o director xerente da Fundación Arao, Víctor Vázquez Seijas; e o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Evaristo Lareo Viñas.

Durante a súa intervención, Manuel Fraga expresou a súa satisfacción “por ver plasmado o compromiso das distintas institucións galegas” co sector pesqueiro da Comunidade. Así mesmo, sinalou que este esforzo conxunto repercutirá positivamente na acción da recén creada Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que ten como obxecto a coordinación, xestión e representación dos intereses económicos e sociais comúns das Federacións provinciais que a integran. Así, mediante a constitución da Federación, un total de 62 pósitos da Comunidade Autónoma poderán articular as súas posturas comúns ante as diferentes Administracións.

SECTOR PROFESIONAL, FORMADO E ORGANIZADO

A pesca, tal e como lembrou o presidente da Xunta, posúe unha especial relevancia en Galicia, especialmente nos eidos económico e social, e mesmo no cultural. Para Manuel Fraga, o principal obxectivo que ten por diante a recén constituída Federación consiste en consolidar o proceso de ordenación e profesionalización do sector da baixura e do marisqueo dentro da Comunidade Autónoma. “Para poder levar adiante os proxectos de transformación do marisqueo puramente extractivo nunha acuicultura extensiva, mediante os programas de recuperación e de explotación dos bancos marisqueiros, así como avanzar para engadir calidade e valor á nosa pesca de baixura é imprescindible contar cun sector profesional, formado e organizado”, sinalou o mandatario autonómico.

Ademais, o presidente da Xunta desexou á Federación o maior dos éxitos no seu camiño de traballo e crecemento en prol da profesionalización sector, da mellora das condicións laborais, da súa actividade na defensa ante as institucións da Comunidade Autónoma estatais e europeas do sector, e no progreso do eido pesqueiro galego.

Finalmente, o titular do Goberno galego quixo agradecer persoalmente a José Luis Méndez a aposta da entidade que preside polo sector pesqueiro da Comunidade Autónoma.

3 LIÑAS DE ACTUACIÓN

Pola súa banda, o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luis Méndez, salientou que a entidade que dirixe está a colaborar coa economía galega mediante tres liñas de actuación. Segundo explicou, a entidade que dirixe achega financiamento, formación e axudas. Así, indicou que suman preto de 500 mil euros os prestamos e as axudas a máis de 3.000 empresas.

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Evaristo Lareo, agradeceu ao xefe do Executivo autonómico “o apoio” a unha agrupación que representa a preto de 22.000 profesionais da pesca e do marisqueo. Así mesmo, indicou Lareo que a dita Federación “é unha prioridade para conseguir estratexias de futuro” e facer unha “aposta forte polo porvir do sector”.


INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DE DOUS CONVENIOS COA FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS DE PESCADORES


-“É para min unha grande satisfacción este momento de sinatura de dous convenios, por unha banda o convenio entre a Caixa de Galicia, a Xunta de Galicia, a Fundación Arao e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e, por outra, entre esta Federación e o Goberno da Xunta”.

-“Satisfacción por ver plasmado o compromiso das distintas institucións galegas co sector da pesca de baixura e do marisqueo de Galicia. Satisfacción pola evidencia que este paso supón na consolidación da iniciativa de unión entre todas as confrarías galegas nunha federación única”.

-“Todos somos coñecedores da importancia económica, social e cultural da pesca en Galicia. Se importante para a mesma ten sido todo o proceso de reestruturación da flota de altura, este momento permíteme resaltar a transcendencia do proceso de ordenación e profesionalización do sector da baixura e do marisqueo”.

-“Para poder levar adiante os proxectos de transformación do marisqueo puramente extractivo nunha acuicultura extensiva, mediante os programas de recuperación e de explotación dos bancos marisqueiros, así como avanzar para engadir calidade e valor á nosa pesca de baixura é imprescindible contar cun sector profesional, formado e organizado”.

-“Hoxe celebramos a suma neste compromiso co sector pesqueiro galego de Caixa Galicia, como un exemplo máis do seu traballo a prol da mellora social e económica de Galicia, concretado neste caso no apoio financeiro de máis de douscentos mil euros a través da Fundación Arao para as adquisicións dos locais para a sede da Federación Galega de Confrarías”.

-“A esta contía súmanse os trescentos mil euros de financiamentos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para a posta en funcionamento das actividades propias da Federación”.

-“Chegados a este momento de formalización do noso apoio ao sector só nos queda desexar e esperar da Federación Galega de Confrarías o maior dos éxitos no seu camiño de traballo e crecemento a prol da profesionalización do sector, da mellora das condicións laborais, da súa actividade na defensa ante as institucións da Comunidade Autónoma, estatais e europeas do sector, e no progreso do sector pesqueiro galego”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA, CAIXA GALICIA, FUNDACIÓN ARAO E FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS DE PESCADORES

OBXECTIVOS

O obxecto deste convenio é a colaboración entre as partes asinantes para financiar a adquisición e a adecuación dun local que servirá de sede á Federación Galega de Confrarías.

COMPROMISOS

Caixa Galicia, un dos patróns fundadores da Fundación Arao desexa que parte dos fondos achegados a esta entidade teñan unha aplicación de carácter específico a favor das confrarías de pescadores de Galicia. Así, con cargo ao orzamento que administra a Fundación, a entidade económica consigna unha partida orzamentaria de 205.000 euros para o cumprimento do obxecto do convenio.

A Federación aplicará o uso dos fondos segundo o regulado polos seus estatutos e en base ás decisións que se tomen no seo dos seus diferentes órganos de goberno. Destas decisións emitirase un certificado expedido polo órgano competente no que conste claramente o acordo de aplicar os fondos recibidos ao obxecto expresado no convenio.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, asesorará e apoiará técnica e legalmente á Federación Galega de Confrarías de Pescadores no cumprimento das obrigas que esta asume en virtude do presente convenio.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E A FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS DE PESCADORES

OBXECTIVOS

Este convenio ten por obxecto establecer as condicións de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores co fin de financiar os gastos de funcionamento da Federación durante o ano 2005.

COMPROMISOS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, achegará para o cumprimento deste convenio a cantidade de 300.000 euros. Mediante esta achega, a Federación sufragará os seus gastos de funcionamento en aras a acadar os seus obxectivos, entre os que se atopan, a canalización de accións, proxectos e programas que realice a Administración e afecten aos intereses socioeconómicos do eido pesqueiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia