Skip to main content

Manuel Fraga considera un ano perdido o tempo de goberno de José Luis Rodríguez Zapatero

O titular do Goberno galego insistiu en que os socialistas “non estaban preparados” para Gobernar e que houbo “un accidente que llo facilitou”. Isto, dixo, “non é botar sal á ferida, é contar a verdade”.

Preguntado por se teme que a actual política do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero poida ocasionar malos resultados económicos, Manuel Fraga limitouse a dicir que el lle desexa “o maior éxito, porque –dixo-, como é natural, o que sexa bo para eles será bo para España”. Non obstante, Manuel Fraga lembrou que a xestión económico-social do anterior goberno, do goberno do PP, foi un “éxito” e puxo como exemplo disto o feito de que o cargo de director xeral de Fondo Monetario Internacional se lle teña dado “ao que foi ministro de Economía naqueles anos”, Rodrigo Rato.

Manuel Fraga tamén subliñou, respecto ao Goberno central, que espera que o “experimento se converta pronto en realidade e, se non, que haxa a oportunidade de facer un cambio axeitado”. “Teño a impresión de que lle queda moito”, indicou o presidente da Xunta, quen se referiu ás continuas contradiccións existentes entre as declaracións realizadas polo distintos ministros do Goberno central.

De igual xeito, o titular do Goberno galego salientou que “as cousas en Galicia están funcionando moi ben” e que “aquí non temos esas contradiccións”. “Non vivimos do talante, témolo bastante bo”, sentenciou ao ser preguntado de que opinaba sobre que o secretario xeral dos socialistas galegos pida un cambio de Goberno na Comunidade galega.

O titular do Goberno galego fixo estas declaracións, logo de participar na sinatura de dous convenios de colaboración entre a Xunta, Caixa Galicia, a Fundación Arao e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia