Skip to main content

O Museo Provincial de Lugo presenta un programa de exposicións itinerantes en 2016

O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Ferreiro, presentou no Refectorio do Museo de Lugo o Programa de Exposicións Itinerantes do MpL para o ano 2016.

“Este programa ten como obxectivo fundamental a difusión e promoción do noso patrimonio cultural. Parte do éxito da experiencia das itinerancias expositivas realizadas noutras ocasións, mais nesta nova edición agrúpanse algúns contidos expositivos e créanse outros novos onde se integran as mostras dispoñíbeis para o 2016 nun conxunto heteroxéneo”, indicou Ferreiro.

Neste programa de exposicións intinerantes insírense exposicións variadas, desde fotografía como “Como silvas que comen muros” do fotógrafo Iván Merayo, o “Arquivo Walter Ebeling”, “A Muralla no Museo” de Peter Schneider pasando polas artes decorativas cunha exposición de xoguetes antigos e outra de bonecos de trapo, ou as exposicións “Cultura material do Castro de Santa María de Cervantes” e “Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo”. Así mesmo, destaca tamén dentro desta itinerancia a exposición “Galiza, un país en festas”, nacida do traballo realizado dentro da bolsa de patrimonio inmaterial da Área de Cultura da Deputación de Lugo e que recolle as festas, danzas e entroidos tradicionais que aínda se conservan na provincia de Lugo.

Así mesmo, neste Programa recóllese tamén a posibilidade de solicitar charlas divulgativas impartidas polo persoal técnico do Museo de Lugo para ampliar coñecementos relacionados coas exposicións que se ofrecen, en datas a determinar, durante o tempo que dure a mostra.

O delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, enfatizou a “vocación de servizo público que tamén deben cumprir este tipo de institucións, e o Museo de Lugo neste sentido é unha referencia”, dixo, e sinalou que “desde a Área de Cultura queremos, con programas coma este, continuar a afondar nesa vocación de servizo público e que o Museo siga a ser o propulsor da cultura a todos os niveis”.

Este programa vai dirixido a centros de ensino, organismos públicos, institucións culturais e colectivos socioculturais, que poderán realizar as súas solicitudes mediante impreso que pode descargarse na web do Museo de Lugo, www.museolugo.org, e debe presentarse no Rexistro Xeral da Deputación. As solicitudes serán atendidas por rigorosa orde de chegada.

Tanto o material expositivo como o material divulgativo así como o transporte é de balde, e o único requisito para poder solicitar unha destas exposicións é dispor dun local axeitado ás condicións requeridas para acoller cada exposición.

“Visitas expres” ao Museo de Lugo

O delegado de Cultura aproveitou tamén para presentar unha nova proposta dirixida ás e aos visitantes do Museo durante os feriados de Nadal, consistente nunha selección de 10 obras senlleiras presentes no Museo de Lugo. Trátase dunha proposta de “visitas expres” dirixidas, tal e como expresou o delegado de Cultura, “a aquelas persoas que se achegan ao Museo de Lugo co tempo xusto para poder visitalo”.

Así, as salas que se ofrecen para realizar estas visitas rápidas ao Museo son, entre outras, a Sala 10 coas moedas da caetra, a Sala 7 co mosaico romano de Dédalo e Pasífae, a Sala 4 co Salvador de Muxa, a Sala 13 coa obra ‘Guía Postal de Lugo’ de Maruja Mallo ou o Cimborrio coa Ofrenda a San Ramón de Francisco Asorey, entre outras.

Balance positivo do ano 2015

Ferreiro fixo balance do ano 2015, un ano no que “durante a pasada lexislatura da man de Mario Outeiro este Museo seguiu a medrar en contidos e actividade, lográndose cousas tan importantes como o regreso da Colección Álvaro Gil ao mesmo”.

O delegado de Cultura destacou o papel do Museo de Lugo como “buque insignia” da Rede Museística Provincial e loubou “a calidade e a variedade do total de 40 exposicións que acolleu este Museo ao longo deste ano, tanto en proxectos expositivos propios como acollendo os impulsados por todo tipo de colectivos sociais”.

Ferreiro concluíu que “o balance de actividade do ano 2015 foi moi positivo” e, abondou que “este programa de exposicións itinerantes para o 2016 é só unha primeira parte do que nos ofrecerá o Museo de Lugo no vindeiro ano, porque xa estamos a traballar no calendario expositivo para ofrecer ao público moita máis cultura, aberta e accesible ao pobo, que, sen dúbida é o mellor aproveitamento que podemos facer de todo o que nos ofrece este Museo”

Gabinete de Comunicación del Área de Cultura de la Diputación Provincial de Lugo