Skip to main content

As comedias clásicas pechan a carteleira anual do CGAI despois de 308 sesións cinematográficas

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entra na recta final da súa carteleira de 2015 dedicándolle unha especial atención ás comedias clásicas. Pecha así unha programación anual durante a que terá ofrecido un total de 308 sesións cinematográficas de moi diferentes estilos e para todos os públicos.

Tras a proxección do filme arxentino 'Mauro', de Hernán Rosselli, como parte da sección Fóra de Serie, a sede da filmoteca galega na Coruña acollerá a primeira parte do ciclo 'Comedias Ealing', a través do que se recuperan –con copias novas en DCP– sete títulos da época dourada destes míticos estudios londinienses. O especial arranca con tres filmes do director Alexander MacKendrick, que se ofrecerán en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas: 'Whisky a go-go' (mañá mércores 16), 'El hombre vestido de blanco' (xoves 17) e 'El quinteto de la muerte' (venres 18).

As 'Comedias Ealing' regresan á pantalla da rúa Durán Loriga no mes de xaneiro con 'Ocho sentencias de muerte' (día 7), 'Pasaporte para Pimlico' (día 8), 'Oro en barras' (día 12) e 'Los apuros de un pequeño tren' (día 13).

Ademais, o CGAI dedícaralle dúas sesións (martes 22 de decembro ás 18.00 horas e mércores 23 ás 19.30 horas) á comedia musical americana cunha produción de 1964 gañadora de oito premios Oscar: 'My Fair Lady', con dirección de George Cukor e protagonizada por Audrey Hepburn e Rex Harrison.

Producións galegas

Tamén terá lugar o último dos sábados de Off Galicia, que o CGAI destina á difusión de traballos asinados por realizadores galegos. No marco desta sección, o día 19, ás 18.00 horas, proxectarase 'Urbano Lugrís. A travesía do océano', de Amanita Filmes. Primeira longa documental do produtor Iván Patiño, o filme achéganos a figura deste artista galego, o pintor do mar, da man do escritor Manuel Rivas, o poeta Xavier Seoane e o pintor Antón Patiño, entre outros persoeiros da nosa cultura.

Con estes títulos péchase un período de programación durante o que o Centro Galego de Artes da Imaxe continuou expandindo a súa programación por outros puntos de Galicia a través das súas colaboracións cos cineclubes Lumiére de Vigo e Padre Feijoo de Ourense. Mantívose, así mesmo, a aposta pola difusión de destacados títulos do cinema independente e experimental internacional, mediante ciclos como Fóra de Serie ou Desencadres, así como de novos proxectos e traballos producidos na nosa Comunidade a través da devandita sección Off Galicia.

Encontros con cineastas

Así mesmo, o CGAI ofreceulle ao público cinéfilo a posibilidade de participar en diferentes encontros con cineastas consagrados do panorama internacional. Neste sentido, contouse coa presenza na Coruña de grandes figuras da vangarda mundial, como James Benning, Ken Jacobs e Andrés di Tella.

A sala coruñesa retomará a súa actividade en xaneiro coas seccións habituais e con novos ciclos, como os que durante este 2015 achegáronlles aos espectadores moi diferentes temáticas e realizadores. Así por exemplo, os cinemas polaco e portugués, as restrospectivas de Gregory J. Markopoulos, Claire Simon, Milos Jancsó, Norman McLaren, Peter Tscherskassky e Paul Vecchiali; as relacións do cinema coa actualidade xornalística e coa pintura, a ollada feminina no audiovisual, a I Guerra Mundial , o centenario do Technicolor ou os 120 anos da produtora Gaumont foron obxecto de cadanseu ciclo específico.

En canto á formación e difusión audiovisual entre os espectadores máis novos, ademais da nova entrega do ciclo CGAI Júnior, o Centro Galego de Artes da Imaxe volveuse encargar da coordinación en Galicia dos programas pedagóxicos internacionais Cine en Curso e Fotografía en Curso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia