Skip to main content

Convocado o 9º Premio Internacional Compostela para Álbumes Ilustrados

A Concellaría de Educación e Cidadanía, en colaboración coa editorial Kalandraka, convoca o IX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 7 de marzo de 2016 e o fallo do xurado coñecerase en abril, coincidindo co mes do libro e durante a XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura.

O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou en rolda de prensa as bases do Premio, acompañado do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e do responsable do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella. O edil destacou o prestixio e a dimensión internacional que xa ten acadado esta convocatoria, dirixida a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas.

Os interesados deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. As condicións completas de participación poden consultarse na páxina web do Concello e na de Kalandraka.

Kalandraka publicará a obra premiada en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués e inglés aproximadamente sobre o mes de outubro de 2016. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil.

Historia

O Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal ven organizando dende o ano 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas oito edicións celebradas, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas.

Kalandraka Editora ten realizando un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, e portugués.

A súa proxección internacional concrétase coa participación nas principais feiras sectoriais do mundo: Italia, Estados Unidos, Xapón, China, Alemaña, México… O seu mercado esténdese a Norteamérica e a América do Sur, onde a Secretaría de Educación Pública do Goberno de México incluíu numerosos títulos de Kalandraka no plan quinquenal do libro e a lectura. Os seus libros tamén están presentes en Europa e en Asia.

Esta traxectoria está salpicada de galardóns a nivel nacional internacional: Premios Nacionais de Ilustración nas categorías infantil e xuvenil: Libro mellor editado do Ministerio de Cultura, Premio Nacional de Edición, Premio Libreter de Cataluña, Premio Daniel Gil de Deseño Editorial, Premio Isaac Díaz Pardo e Premio Nacional ao mellor labor editorial 2012, concedido polo Ministerio de Cultura, entre outros.

Campaña de Animación á Lectura

Por outra banda, dende hai 16 anos, o Concello de Santiago organiza xunto con Kalandraka unha campaña de animación á lectura na que participan máis de 5.000 escolares de Santiago e a súa comarca en cada edición, o que reflicte o grande interese que esta proposta didáctica ten para a cidade.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela