Skip to main content

O BNG leva á CE as manobras do petroleiro Front Serenade ante a costa galega

Lembra Ana Miranda que na tarde desa data, o buque petroleiro “Front Serenade”, estivo durante varias horas á deriva polo Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra. En concreto, aproximouse a unhas 14,5 millas dos baixos de Os Meixidos, fronte ao faro de Lariño en Carnota. O “Front Serenade” é un superpetroleiro de 330 metros de eslora que transportaba 300.000 toneladas de crudo.

Explica a portavoz do BNG en Europa que o petroleiro, con bandeira de Liberia, dirixíase cara o porto de Róterdam (Holanda) e viña de Sidi Kerir (Exipto).

Unha asistencia moi tardía

Ana Mirana subliña que as autoridades españolas de Salvamento Marítimo tardaron varias horas en dispór do remolcador Don Inda para auxiliar o barco. “A pesar de atoparse moi próximo, sobre as 16 horas o barco tomou rumbo á costa. E non foi até as 19 horas cando o remolcador, con base no porto de Brens, saiu no seu auxilio e chegou ás 21 horas ao lugar do “Front Serenade”.

Miranda critica a tardanza das autoridades do estado español na asistencia. Asemade, denuncia que se permitise que o buque tomase rumbo cara o abrigo do Cabo Fisterra, “entrando precisamente pola rota máis perigosa, a zona dos Baixos de Meixide. Manobra que puido pór en serio risco á poboación da comarca de Fisterra, ademáis de que se trata dunha zona de alto valor ecolóxico por estar incluida na Rede Natura 2000”.

Neste sentido, a portavoz do BNG en Europa trae á memoria a grave catástrofe do Prestige, lembrando que non se incrementaron os medios destinados ao salvamento desde o sinistro, tal e como o BNG demandou en numerosas ocasións. Miranda pón de manifestó que “este tipo de incidentes son habituais fronte ao Corredor de Fisterra, por ser o principal “lugar de reguxio” natural desta zona do Atlántico”. Reprocha ao Goberno español que se negue a habilitar unha base loxística anticontaminación, e que se conte só cun remolcador.

Ademáis, de ter pechado o heliporto de Salvamento Marítimo máis próximo ao Corredor.

A portavoz do BNG en Europa interpela á Comisión Europea sobre unha serie de cuestións referidas a este tema para saber se coñece o sucedido co “Front Serenade”. “Sabe que existiu un alto risco de accidente? Vai interesarse perante o Goberno español de por que razón se tardou tanto na asistencia ao superpetroleiro, cando había un remolcador perto? Considera a Comisión que o “lugar refuxio” da ensenada do Cabo Fisterra debe contar coa necesaria dotación dunha Base Loxística Anticontaminación?
Gabinete de Comunicación do BNG