Skip to main content

Preséntase unha app de móbil para visitar Galicia en realidade aumentada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola directora de promoción, Carmen Pita, e o responsable da área de innovación, Jorge Barreiro, presentou a nova aplicación móbil de realidade aumentada, Turismo de Galicia, unha ferramenta de axuda tanto para o turista potencial que queira coñecer Galicia como o viaxeiro que estea xa a visitar a nosa comunidade.

Durante a presentación a responsable de Turismo da Xunta destacou que esta nova app constitúe unha actualización da histórica aplicación de Turismo de Galicia que permite ser localizada e descargada nas distintas plataformas móbiles de maneira máis sinxela.

Segundo explicou Nava Castro, a aplicación permite coñecer de antemán a localización e información dos recursos e servizos turísticos de Galicia como os aloxamentos, os restaurantes, a artesanía, os museos ou as oficinas de turismo entre outros moitos, así como a información dos recursos que están preto da posición do viaxeiro que xa está a coñecer a nosa comunidade mediante a xeorreferenciación.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que a mellora desta aplicación móbil de realidade aumentada constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola innovación e o emprego das novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do sector turístico. “A aposta polas novas tecnoloxías da información e da comunicación é fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a nosa cota de competitividade nos mercados internacionais”, engadiu.

Neste senso, Nava Castro lembrou que o Plan Integral de Turismo de Galicia dedica unha liña estratéxica orientada ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías co obxectivo de consolidar un sector competitivo e un destino intelixente.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que innovar en turismo tradúcese en maior número de turistas, maior número de ingresos e maior crecemento económico, por iso, “esta aplicación convertese noutra ferramenta mais para impulsar este sector tan vivo e continuar cos bos resultados que se estamos a acadar no turismo”, explicou.

Funcionamento

A aplicación funciona de xeito que detecta se o viaxeiro se atopa ou non en Galicia e amósalle unha serie de Recomendacións directas, como son as sete cidades mais importantes ou un buscador do concello que desexe. O resultado é a localización no mapa dos recursos que se atopan nun punto central. A partir de alí o usuario pode navegar e explorar o resto da cidade, vila ou lugar elixido.

Se o viaxeiro se atopa en Galicia, o sistema permitiralle ademais Explorar os recursos que estean preto da súa posición, mediante o gps do móbil. Escollendo un deles obterá toda a información que Turismo de Galicia achega sobre el, incluíndo fotografías, web de referencia, teléfono, correo electrónico, mapa co seu posicionamento e o cálculo de como chegar a el utilizando Google Maps. Tamén poderá acceder a unha listaxe, que lle amosa os recursos recuperados a partir do seu posicionamento nun radio de acción predefinido.

Outras vantaxes

Unha das vantaxes máis salientables da nova aplicación é a funcionalidade Preto de min, que permite que o usuario poida ver sobre a pantalla do seu móbil, en modo cámara fotográfica, os recursos nos arredores nun radio dun quilómetro.

Outra das novidades desta nova aplicación móbil de Turismo de Galicia é a substitución do fondo de cámara por un mapa, deste xeito o usuario non só atopará os recursos, senón que os poderá xeorreferenciar, visualizando tamén as estradas, os edificios e outros elementos destacados, para chegar ata este.

Así mesmo, outro dos aspectos máis interesantes desta aplicación está na súa utilización dentro das cidades, de tal xeito que o usuario poderá ir camiñando polas rúas e ter información dos edificios e monumentos mais importantes que se atopan preto del, simplemente movéndose á dereita ou á esquerda tal como o faría si estivese fotografando.

A aplicación conta cun botón de configuración onde se pode cambiar o idioma por defecto, activar o acelerómetro e unha axuda interactiva que lle explica como funciona a aplicación dun xeito tamén moi sinxelo.

Xa na aplicación o botón de axustes permitiralle escoller o tipo de mapa de fondo, a distancia de referencia a partir da posición do usuario dentro da cal se amosarán os recursos e as categorías dos recursos que quere visualizar.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia