Skip to main content

Debatirase no Parlamento de Galicia o Proxecto de Lei do Patrimonio Cultural

O Pleno do Parlamento galego acolle na semana do 25 de xaneiro o debate de totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural, unha iniciativa lexislativa que “conviría que saíse cun amplo grao de acordo para protexer o noso patrimonio no só con sancións senón tamén incentivando a conservación con apoio económico”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.

O Grupo Popular celebrou a súa habitual reunión dos luns na que comezou a preparar a sesión plenaria da vindeira semana. Como novidade, esta xuntanza contou coa presenza das dúas novas deputadas: Sandra María Devesa Bouzas, que substitúe á nova senadora e ex viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado; e Elena González Sánchez, que ocupará a vacante deixada pola ex Presidenta do Parlamento e nova deputada no Congreso, Pilar Rojo.

Pedro Puy subliñou que, coa recente reforma do Regulamento, “iniciamos o período ordinario de sesións máis longo da historia do Parlamento de Galicia, que se estenderá do 15 de xaneiro ata o 15 de xullo e que terá 12 sesións plenarias”.

Respecto da sesión plenaria da vindeira semana, Puy avanzou que, tamén como consecuencia da reforma da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, procederase ao debate de toma en consideración da iniciativa lexislativa popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, unha vez se cumpre o segundo pleno no que está en disposición de proceder ao seu debate.

Así mesmo, o portavoz popular apuntou que na sesión plenaria procederase ao debate de totalidade do proxecto de Lei do patrimonio cultural, que substitúe e unifica tres textos lexislativos: o de Patrimonio cultural de 1995, o de Protección dos Camiños de Santiago de 1996 e o de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991.

Pedro Puy salientou que este texto lexislativo “entra no Parlamento con achegas de máis de 60 entidades, entre as que figuran as tres universidades, a Academia de Belas Artes, o Colexio de Arquitectos e a fiscalía especializada en delitos contra o patrimonio, así como o ditame do Consello da Cultura Galega.

“Esta nova Lei persegue catro obxectivos fundamentais: incrementar a colaboración de todas as Administracións, especialmente dos concellos; regular novos patrimonios, como o inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico; implantar un réxime sancionador máis estrito, ao tempo que as infraccións moi graves poden implicar sancións de ata un millón de euros, e simplificar a lexislación e a xestión administrativa do patrimonio cultural”, explicou Puy.

Gabinete de Comunicación do PPdeG