Skip to main content

Ecuador agradece a Galicia o seu esforzo en cooperación para o desenvolvemento e pide a continuidade dos proxectos

As autoridades ecuatorianas agradeceron a Galicia que o seu país fora considerado como zona prioritaria para poñer en marcha plans de desenvolvemento, e pediron a continuidade dos proxectos. O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo, invitado pola secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, participou en Quito na XI Comisión Mixta de Cooperación Hispano-Ecuatoriana.

Galicia financiou durante o ano pasado un total de seis proxectos de cooperación en Ecuador que supuxeron un investimento superior aos 300.000 euros. Esta activa presencia propiciou que a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) invitara a Galicia a participar na comisión mixta para expor a súa experiencia en cooperación no país latinoamericano.

PROXECTOS

Os proxectos financiados por Galicia están especializados no desenvolvemento do sector pesqueiro e agrario, a formación laboral e o desenvolvemento rural sostible. A Xunta achega ao país andino o seu asesoramento técnico a través das Consellerías de Pesca, Medio Ambiente e Política Agroalimentaria e colabora en proxectos de desenvolvemento levados a cabo por organizacións non gobernamentais como Intermón Oxfam, e por outras institucións como a Universidade de Santiago de Compostela.

As autoridades ecuatorianas que participaron na Comisión mostraron ante o secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior a súa satisfacción polos resultados dos plans postos en marcha, que teñen beneficiado a zonas deprimidas como as provincias de Imbarura, Chimborazo, Jipijapa, Santa Elena ou a illa de San Cristóbal, en Galápagos. Ademais, pedíronlle a Jesús Gamallo manter o nivel de cooperación e intensificar as relacións bilaterais.

En 2004 Ecuador ocupou o sexto posto na relación de países que recibiron financiamento da cooperación galega. Ademais, a axuda está particularmente especializada no sector primario –agricultura e pesca-, e moitos dos proxectos téñense realizado en colaboración coa AECI.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia