Skip to main content

En Marea propón medidas adaptadas á realidade social e económica de Galicia para un goberno de cambio real

No capítulo da restitución dos dereitos, En Marea propón cinco decisións urxentes: a derrogación da reforma laboral, a reforma da Lei do aborto, a supresión da Lei Mordaza e maila LOMCE e a fin dos copagamentos. "Do mesmo xeito que lle transmitimos ao Xefe de Estado na primeira das consultas, En Marea está disposta a promover un goberno de cambio que poña fin ás políticas de Rajoy. Polo de agora o PSOE non deu signos de cambio. En Marea queremos falar do futuro e saber se van ser parte do problema ou parte da solución ", dixo a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández.

Ademais, traballarase para reverter os recortes e as privatizacións para recuperar o Estado de Benestar e loitar contra as crecentes desigualdades, e que se dote á Lei de Dependencia dos recursos necesarios. Segundo En Marea urxe ademais falar dun novo sistema de financiamento local. "Galicia ten unha realidade socioeconómica concreta, determinada por factores coma o avellantamento e a dispersión da poboación, que se debe ter en conta á hora de establecer medidas redistributivas. O sistema de financiamento ten que garantir que os cidadáns teñan os mesmos servizos con independencia do lugar no que residan", reivindicou a parotavoz de En Marea, Alexandra Fernández. Tamén propuxo un novo plan de reindustrialización e solución aos problemas a sectores coma o lácteo ou os mariñeiros do cerco.

No que respecta á realidade plurinacional, En Marea entede que hai que buscar diálogo porque "só así atoparemos unha saída", recordou Alexandra Fernández. E engadiu que " sería unha irresponsbilidade non falar disto, pois o propio Xefe de Estado se preocupou en coñecer a nosa postura con respecto a esta cuestión. O PSOE ten que dar mostra de que está á altura do momento histórico", concluíu Fernández.
Gabinete de Comunicación de En Marea