Skip to main content

Prado aposta por investir en formación e investigación para incrementar a competitividade da economía galega

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, participou nas Xornadas de Economía e Emprego, que se celebraron na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. O obxectivo desta xornada, organizada polo departamento autonómico e a Universidade de Santiago de Compostela, era abordar a problemática do emprego no contexto económico actual.

Na súa intervención, a responsable de Emprego destacou o crecemento económico experimentado en Galicia nos últimos anos. Neste sentido, Belén Prado afirmou que o esforzo inversor da Comunidade deberá centrarse na educación e na formación dos recursos humanos así como na investigación e o desenvolvemento. Para a titular de Asuntos Sociais mellorar nestes campos será fundamental para incrementar a competitividade da nosa economía e continuar creando máis postos de traballo.

Por outra banda, Belén Prado sinalou que a economía galega é unha economía en expansión. A conselleira engadiu que esta circunstacia fixo posible que no 2004 se creara emprego por riba da media española con máis de 37.000 novos postos de traballo, dos que un 70% foron para a poboación feminina. Así mesmo, a responsable de Emprego afirmou que Galicia é a cuarta Comunidade Autónoma en exportacións. Preto do 50% das ventas ao exterior está concentrado no sector da automoción aínda que os productos do mar ou o sector da confección xogan un papel importante e continúan aumentando o seu volume de exportacións.

PONENTES

Na xornada participaron a xornalista Carmen Tomás, que actualmente traballa en Televisión Española onde dirixe e presenta o Telediario Terceira Edición; José Barea, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, e catedrático emérito de Facenda Pública da Universidade Autónoma de Madrid e José María Serrano Sanz, director da Fundación Economía Aragonesa e da Revista de Economía Aplicada
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta