Skip to main content

O Sergas ten en marcha numerosos programas de prevención e educación sanitaria en atención primaria

Os servizos de Atención Primaria do SERGAS ofrecen na actualidade programas dirixidos á mellora continua da calidade da prestación dos servizos sanitarios, centrados na atención aos adolescentes, adultos e anciáns; así como á muller e ao neno san. Tamén se realizan programas de cirurxía menor, saúde bucodental, traballo social e fisioterapia. Así o afirmou hoxe a subdirectora de Calidade e Programas Asistenciais, Nieves Domínguez, na comisión 5ª do Parlamento.

Así, nos programas que están dirixidos aos adolescentes, adultos e anciáns, se inclúe a realización de actividades preventivas en ámbitos tan importantes como son o tabaquismo, o alcoholismo, a obesidade, a hipertensión e o infarto de miocardio. Ademais, incídese especialmente na prevención en dous grupos de idade: os adolescentes e os anciáns. Os servizos de Atención Primaria están a poñer especial énfase na atención dos enfermos crónicos, concretamente no control da hipertensión, a obesidade, a diabete mellitus e a atención domiciliaria.

Outro destes programas que está en marcha céntrase na atención á muller, que inclúe entre outros aspectos a atención á anticoncepción, rubeola, atención á menopausa e valoración e seguimento do embarazo, así como a preparación ao parto.

Os servizos de Atención Primaria realizan tamén programas dirixidos ao neno san, pautándose unha serie de revisións coa fin de detectar de xeito precoz determinadas patoloxías. Ademais, inclúe accións relativas ao calendario vacinal, así como a derivación ás unidades de odontoloxía e saúde bucodental, con presencia tamén nos Centros de Saúde. Estes programas compleméntanse con outros máis específicos, entre eles de cirurxía menor, saúde bucodental, traballo social e fisioterapia. Todos estes programas están recollidos no documento “Procedementos Clínicos en Atención Primaria”.

Durante a súa intervención, Nieves Domínguez salientou que todos estes programas e actividades teñen como finalidade a promoción da saúde, a educación sanitaria, a prevención e a rehabilitación dos pacientes coa fin de cumprir un dos principais fins da Atención Primaria, que se caracteriza por “prestar unha asistencia próxima, persoal e continuada ao longo da vida do paciente”.

A subdirectora de Calidade e Programas Asistenciais explicou que a tendencia actual é que nas consultas, ademais da asistencia principal con fins curativos, se realicen tamén actividades de tipo preventivo e educación sanitaria. Desta forma, os servizos de Atención Primaria ofrecen tamén as chamadas consultas programadas, que están destinadas en xeral ao control dos pacientes crónicos, coa fin de que se cumpran os programas de saúde e se realicen actividades preventivas e de promoción da saúde.

COORDINACIÓN CON ESPECIALIZADA

Ademais, a Consellería de Sanidade está a pór en marcha un novo modelo sanitario de xerencia única, que integra por primeira vez Atención Primaria e Especializada. Este sistema, que xa se implantou o pasado 1 de marzo na Área Sanitaria de Ferrol, permite considerar a atención de cada paciente como un proceso lonxitudinal, sen rupturas, e coordinado tanto nos centros de saúde como durante a súa estadía no hospital. Isto evita ademais a duplicidade de probas. A posta en marcha da Xerencia Única acompañouse coa entrada en vigor dos decretos e polos que se establecen as novas estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde. Estas estruturas introducen novas fórmulas de organización baseadas nunha visión integradora dos procesos asistenciais coa fin de garantir o seguimento na atención aos pacientes.

SITUACIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA

Galicia conta, na actualidade, cun total de 492 centros de saúde, que representan o 13% dos que existen en España para unha poboación que representa o 6,4% da do Estado. Ademais, o 97% dos galegos contan con servizos de urxencia de presenza física a través dos 101 dispositivos de atención continuada existentes en Galicia. Ademais, a comunidade galega conta cun total de 1.688 médicos de cabeceira, fronte aos 1.426 que había en 1998. No que atinxe ao persoal de enfermaría, existen máis de 1.400 ATS, fronte aos algo máis de 1.200 que existían en 1998.
Gabinete de Comunicación Sergas