Skip to main content

Preséntase a candidatura de refundación do BNG liderada por Ana Pontón

Ana Pontón definiu a candidatura que encabeza como “plural, que combina renovación e experiencia, para darlle un novo pulso ao BNG e dar a cara nun momento difícil”. Unha lista conformada maioritariamente cos nomes propostos pola militancia nas asembleas comarcais, que comporta equilibrio de xénero, territorial, activismo social e acción institucional, sobre todo de persoas que traballan desde os concellos.

Na presentación da candidatura na compostelá libraría Couceiro, a deputada estivo acompañada dunha nutrida representación dos e das integrantes da lista, e subliñou o simbolismo da data elixida, “o día do nacemento de Rosalía de Castro hai 179 anos, símbolo de Galiza e espello no que mirarse, reivindicando o valor da rebeldía e convencidos de somos un país con futuro”, explicou Pontón.

A aspirante a ocupar a responsabilidade da Portavocía nacional foi clara sinalando que o nacionalismo “ten que poñerse a punto para enfrontar o futuro”, “facer autocrítica individual e colectiva”, o que motiva que se opte pola refundación como a mellor maneira de “fortalecer” a alternativa nacionalista que representa o BNG. A folla de ruta dese proceso, os tempos e o alcance do mesmo serán os que determinen as bases do Bloque na Asemblea nacional deste 28 de febreiro, a futura dirección da organización a executora.

“É o momento da militancia”, subliñou Pontón. “Escoitaremos todas as voces para avanzar colectivamente desde o convencemento de que é o BNG é unha ferramenta política necesaria para Galiza, fundamental para dar un cambio real e sacar ao país da cuneta onde a deixaron os anos de goberno de Feijóo e, ao tempo, recuperar a autoestima como pobo”, argumentou.

“Somos unha candidatura integradora, unida pola ídea de que todos e todas somos nacionalistas e que Galiza precisa un proxecto como o que representa o Bloque, sabendo que a situación non é doada pero que imos saír para adiante”, concluíu.

Na presentación da lista que encabeza Pontón, Xosé Luís Rivas, Mini, afondou na idea de dar un debate sen límites. “Imos debater, debater e debater para sacar en limpo que esta organización tira para adiante poñéndose a punto cos tempos que mudan. Todos e todas somos necesarias”, salientou.

Entre as moitas caras novas da candidatura, Yesica García, que con 22 anos pon en valor a “voz da xente moza” dentro do proxecto do BNG, ou Noa Presas, que defende “fortalecer unha fronte plural nacionalista e a esquerda”.

Goretti Sanmartín, número dous da lista, destacou o feito de que a candidatura suma persoas que teñen “coñecemento da organización e da base social, e capacidade para sacar adiante os retos do momento”. Igualmente, fixo un chamamento á participación de todas as persoas “que consideren necesaria unha alternativa nacionalista para este país e para a súa maioría social”, concluíu.
Gabinete de Comunicación do BNG