Skip to main content

Medio Rural busca apoios en Madrid para o Plan de Fortalecemento do Lácteo

A Consellería do Medio Rural destacou en Madrid a importancia da xuntanza do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo que se celebrará o mércores en Santiago dado que é a primeira vez que todos os elos da cadea implicados no sector lácteo se sentarán arredor dunha mesa para abordar de forma conxunta as súas problemáticas.

“Ademais do sector, na reunión se inclúe á Universidade e a científicos porque debemos traballar dende distintos ámbitos a breve e longo prazo”, declarou Ángeles Vázquez, que pretende así buscar solucións xa de maneira inmediata de cara a primavera, un momento no que normalmente aumenta a produción de leite. A conselleira explicou que o primeiro será elaborar un cronograma de actuación e acordar os argumentos prioritarios que trasladar ao Ministeiro de Agricultura co fin de facelos chegar á Comisión Europea.

O grupo de traballo que se constituirá estará integrado por representantes da propia Xunta, industria, distribución, cooperativas, organizacións profesionais agrarias, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), o Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), universidades e comunidade científica.

Ademais, aproveitando a súa presenza en Madrid, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de poñer a andar o Decreto de Cesión de Prezos e fixo balance dos avances acadados nas últimas semanas, como o feito de ter garantida a recollida do mesmo volume de leite que o ano pasado por parte das principais industrias que operan en Galicia.

A responsable de Medio Rural mostrouse convencida de que “o sector lácteo galego ten futuro” e para iso incide na aposta polos produtos transformados por parte das explotacións. Lembrou que este ano a orde de axudas para a transformación ascende a 14,3 millóns de euros, cofinanciada nun 75% polo Feader. Para as anualidades do 2017 e 2018, o orzamento previsto é de 7 e 3,7 millóns de euros, respectivamente.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez comezou a pór en marcha o Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo o pasado 8 de febreiro, no marco do Consello Agrario Galego, cando presentou este plan aos integrantes deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega. Agora consolidarase con este primeiro encontro entre todos os axentes implicados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia