Skip to main content

A nova voceira do BNG, Ana Pontón, proclama o inicio dun novo ciclo para a refundación

No seu discurso de clausura, Pontón proclamou o inicio dun novo ciclo para a formación frontista “difícil pero ilusiónante”. “Hoxe non remata nada. Comeza un novo ciclo, un novo momento, unha etapa complicada mais ilusionante, para a que temos folgos”, subliñou poñendo en valor as novas incorporacións á Executiva nacional, entre elas a de Carlos Branco Ansoar, cabeza de lista da segunda candidatura que obtivo 170 apoios, que pasa tamén a integrar a seís membros no novo Consello Nacional.

Pontón animou a facer un proceso de refundación sen máis límites que o de recoñecerse como nacionalistas. “Deixámolo claro no debate, na refundación somos libres para pensar e imaxinar o nacionalismo que queremos, para construílo colectivamente, con todas as vosas mans e moitas outras que hoxe non están aquí, mais que precisamos. Poderemos falar de todo. De todo menos dunha cousa, daquela que nos une, somos nacionalistas”, salientou no seu discurso de clausura, no que se fundiu nun abrazo co portavoz nacional saínte, Xavier Vence, ovacionado pola militancia.

A nova dirixente do Bloque instou “a saír a rúa a defender as nosas ideas, con paixón, con corazón, con cabeza”, porque o BNG, argumentou, “presenta unha folla de servizo intachábel de defensa dos intereses galegos. Precisamos ter discurso claro e sermos coherentes. Dicir o que pensamos. Facer o que dicimos. Temos que traballar coa idea clara de que hai que organizar o pobo, que temos que ensanchar a base militante e base social do nacionalismo. Só así poderemos mudar a realidade”, proclamou.

Antes da elección da nova dirección, a militancia debateu e votou os textos políticos. O secretario de organización da Executiva nacional saínte, Bieito Lobeira, foi o encargado de explicar aos medios os principais acordos políticos adoptados polas bases recollidos no relatorio oficial, que contou con 1.035 votos a favor, 130 en contra e 142 abstencións.

Puxo en valor a ampla participación da militancia na XV Asemblea nacional do BNG, – máis de 3.500 persoas participaron ao longo de toda a xornada-. Previamente, as bases rexeitaran “de xeito maioritario” as catro emendas á totalidade, explicou.

Con relatorio político aprobado pola militancia, Lobeira explicou os principais acordos que se recollen no texto co obxectivo de recuperar a “iniciativa política e social” a través dun proceso de refundación “que debe culminarse no prazo máximo dun ano” no marco dunha nova asemblea nacional, e sobre unha serie de principios que foron enumerados polo responsable de organización.

“A defensa do dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses populares, a autoorganización do pobo galego, a solidariedade internacional, a paz e o antiimperialismo e un modelo social sustentable”, sintetizou, como principios que guiarán o proceso de refundación, no que se pretende unha participación moito máis ampla que as propias bases do Bloque.

“Persoas ou colectivos que, aínda sen vinculación co BNG, teñan posicións nacionalistas, galeguistas, independentistas, soberanistas ou que entenden imprescindible que Galiza teña un instrumento político soberano como mellor ferramenta para a defensa dos seus intereses”, explicou Lobeira.

En canto á fórmula de concorrencia electoral, explicou que a maior parte da militancia aprobou que nas vindeiras eleccións autonómicas o pobo galego teña a opcion de escoller unha papeleta nacionalista, “porque vai haber unha alternativa nacionalista diferenciada e propia deste país, sen dependencia nin tutela de ninguén de fora, que defenda á maioría social e os intereses deste país”, subliñou o actual secretario de organización.

Outra das cuestións aprobadas pola XV AN foi crear un órgano de coordinación municipal entre concellos nacionalistas, -non exclusivamente do BNG-, que actúe como un “contrapoder, mesmo un espazo de soberanía contra a aplicación de medidas contrarias a maioría social, veñan desde a UE, do Estado ou da Xunta”.

No organizativo, a XV AN “reafirma” o carácter “frontista” do BNG, a súa condición “asemblearia, democrática e plural”, ao tempo que se aposta por áreas colectivas de traballo. Igualmente, no plano organizativo, a militancia optou por suprimir a actual incompatibilidade entre a Portavocía nacional e a candidatura á Presidencia da Xunta, levantando unha limitación que foi motivada por un momento político superado.

Ademais de Carlos Branco Asoar, tamén pasa a integrar a Executiva naciona que liderará Ana Pontón, Raquel Suárez. Ambos, xunto con outros catro membros desta lista pasan tamén a formar parte dos 50 intregantes do Consello Nacional elixidos pola militancia na XV AN.
Gabinete de Comunicación do BNG