Skip to main content

14 espectáculos optan aos galardóns dos XX Premios María Casares de teatro

Ao acto organizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e presentado por Nieves Rodríguez, actriz e vogal desta entidade, acudiu a maior parte dos finalistas dunha edición na que que se realiza por vez primeira o proceso votación de forma dixital a través da páxina web da AAAG. Tamén participou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo que este ano volve apoiar a organización dos premios, así como os representantes do resto das institucións e entidades colaboradoras: José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, e Juan Carlos F. Fasero, director de SGAE-Noroeste.

Entre os finalistas, elixidos entre os 38 espectáculos e máis de 300 profesionais que presentaron as súas candidaturas, destaca ‘O principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico, cun total de oito. Pola súa banda, ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Sarabela Teatro, aspira a sete galardóns e ‘Presidente’, de Teatro do Morcego, acadou cinco candidaturas. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.

Catro candidaturas para Xardín suspenso

‘Xardín suspenso’, última produción do Centro Dramático Galego, optará aos premios a mellor actriz protagonista (Melania Cruz), escenografía (Carlos Alonso), iluminación (Afonso Castro) e música orixinal (Manuel Riveiro). Tamén ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro, acadou catro candidaturas, mentres que ‘Noiteboa’, de Redrum Teatro, e ‘Panamericana’, de A Panadería, optan a tres galardóns.

Pola súa parte, ‘Calypso’ de Voadora, ‘O Furancho’ de Ibuprofeno Teatro e ‘Unhas poucas picadelas’ de Teatro de Ningures lograron dúas mencións cada unha delas. Finalmente, cunha candidatura atópanse ‘30 e tantos ósos’ (Aporía Escénica), ‘Feo!’ (Caramuxo Teatro), ‘O Crédito’ (Eme2 Producións) e ‘Jim e Illa do Tesouro’ (Eme2 Producións).

Fotografía: Comunicación Premios María Casares
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia