Skip to main content

Conmemórase o 25º aniversario do certame literario Camilo José Cela e o centenario do seu nacemento

Padrón foi o escenario da celebración dos 25 anos do Premio Literario Camilo José Cela coa presentación do libro no que se recompilan as obras galardoadas neste certame de narrativa promovido polo goberno local. A celebración coincide co centenario do nacemento do Nobel galego neste 2016, un ano que, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representa un marco memorable para difundir entre a cidadanía a figura e a obra do escritor.

“A mellor homenaxe que podemos facerlle a Camilo José Cela é a imaxe de excelencia que acredita o libro que hoxe presentamos, froito do premio que leva o seu nome e que supón un estímulo ilusionante para todas e todos os creadores, nomeadamente para os que son recoñecidos e recoñecidas polas súas aportacións literarias en cada convocatoria”, asegurou o secretario xeral.

José Raúl Clavero Blázquez, gañador Premio Literario Camilo José Cela 2015 pola obra ‘Ausencias’ –da que o xurado valorou “o interese do tema, a creación dunha tensión narrativa e o valor cinematográfico da historia”–, tamén recibiu o premio no marco deste acto, no que a catedrática de lingua e literatura españolas Ana María Platas Tasende impartiu a conferencia Cela e Galicia. O alcalde do municipio coruñés, Antonio Fernández Angueira, presidiu o acto, que se realizou no auditorio municipal.

Cela no seu centenario

Con motivo da celebración do seu centenario, a Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, e en colaboración con diversos organismos e institucións, organiza durante todo o ano un programa especial de actividades conmemorativas, coas que facer partícipe desta celebración a sociedade no seu conxunto.

O calendario de iniciativas, que inclúe exposicións, un congreso, cursos, un ciclo de cine, novas edicións, certames literarios, actividades escolares e diversos proxectos de dixitalización do fondo documental da fundación, terá o seu atractivo central na mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España (BNE), en Madrid, o próximo 23 de xuño, onde permanecerá ata o 2 de outubro.

Comisariada por Adolfo Sotelo Vázquez e coorganizada por Acción Cultural Española (AC/E), coa colaboración de Abanca e da BNE, a exposición exporase tamén no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 11 de novembro de 2016 ao 19 de febreiro de 2017.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia