Skip to main content

Apoio á promoción e comercialización da IXP Ternera Gallega

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, valorou os datos positivos da evolución da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega no ano 2015. Fíxoo no pleno do Consello Regulador desta IXP, celebrado esta tarde en Santiago e no que se puxo de manifesto a boa marcha deste selo de calidade diferenciada.

Así, segundo os datos do Consello Regulador, o pasado ano comercializáronse baixo o amparo desta IXP máis de 19.800 toneladas de carne, o que supón un incremento do 6,7% con respecto a 2014. Ademais, o valor económico en primeira venda da produción amparada superou os 112 millóns de euros, un 4% máis que no exercicio anterior.

Ángeles Vázquez felicitou aos responsables da IXP por estes bos resultados e reiterou o apoio da Xunta a Ternera Gallega en particular e a todos os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada en xeral. Neste caso concreto reafirmou o respaldo do Goberno galego ás iniciativas da IXP encamiñadas a incrementar as súas cifras de exportación. Un apoio que se plasmou no 2015 cunha achega total que supera os 310.000 euros para este Consello Regulador, destinados a promoción, gastos de funcionamento e para o desenvolvemento dos programas de control.

Outras cifras positivas de Ternera Gallega en 2015 indican, por exemplo, que o número de explotacións inscritas incrementouse nun 2,2%, situándose nas 7.837. Así mesmo, medrou o número de industrias inscritas, que pasou de 82 a 90. Por outra banda, o dato de tenreiros rexistrados superou as 121.000 cabezas, cun incremento do 0,7% en relación ao 2014, e creceu tamén o número de canais certificados, situándose en máis de 89.000.

Actualmente este produto comercialízase en 1.410 puntos de venda e os responsables da IXP están a redobrar, coa colaboración da Xunta, os seus esforzos para incrementar as exportacións da carne certificada con este selo.

Fotografía e máis información: http://www.terneragallega.com/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia