Skip to main content

O presidente da Xunta destaca que se está a facilitar a participación dos artistas máis novos en mostras de carácter nacional e internacional

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, inaugurou na compostelá Casa da Parra unha exposición coral na que presentan as súas propostas creativas seis artistas galegos menores de 35 anos. Ao acto de inauguración tamén asistiron o conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, e a directora xeral de Promoción Cultural, María del Carmen García Campelo. Para Manuel Fraga, esta exposición, denominada Emerxentes, constitúe unha mostra “da diversidade e a vitalidade creativa dos mozos artistas galegos”. Segundo sinalou o mandatario autonómico na inauguración da exposición, o Goberno galego está a desenvolver unha serie de medidas para que os artistas máis novos da Comunidade Autónoma poidan elaborar as súas propostas e atopen espazos onde expoñer as súas obras. Entre estas medidas, destaca a posta en marcha dun convenio de colaboración coa Asociación de Galeristas de Galicia para facilitar a participación de artistas xóvenes galegos en diferentes feiras nacionais e internacionais.

Ao abeiro deste Programa de Artes Plásticas que está a desenvolver o Goberno autonómico para consolidar a carreira dos artistas máis novos, destaca tamén a posta en marcha doutro acordo para facilitar a realización de exposicións por parte deste colectivo dentro da Comunidade Autónoma. O presidente da Xunta indicou, ademais, que se está a procurar abrir á xente nova “canles máis profesionalizados e comerciais, que lles permitan entrar de cheo no mundo creativo”.

PROGRAMA DE BECAS EN RESIDENCIA

Outra das iniciativas que se están a desenvolver en Galicia para procurar o despegue dos artistas máis novos consiste nunha experiencia formativa para mozos creadores, a través do denominado Programa de becas en residencia para xóvenes artistas e creadores, ao que fixo mención Manuel Fraga.

Todas estas accións que se están a levar a cabo responden ás demandas formuladas por artistas galegos menores de 35 anos que, o pasado mes de outubro, participaron nun encontro na Illa de San Simón co presidente da Xunta e outros membros da Administración Autonómica. Os seis artistas que forman parte de Emerxentes 2005 participaron naquela xuntanza.

A propósito destes creadores que expoñen na Casa da Parra, Manuel Fraga salientou que “reflicten con sinceridade e frescura a súa forma de entender o feito artístico. Nas súas creacións conviven a comunicación e a expresión das ideas cosmopolitas cos propios sentimentos”.

RELACIÓN DE ARTISTAS

Nesta nova edición de Emerxentes participan, coas súas propostas, o coruñés Jorge Couceiro García; a silledense Lorena Lázara –a máis nova dos integrantes do grupo-; o lugués Carlos Maciá; Cristina Mejuto, de Nigrán; Arturo Reboiras, de Marín; e Fernando Yáñez, tamén de Lugo.


INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN EMERXENTES 2005

-“É un enorme pracer presentar nun enclave tan singular como a Casa da Parra unha nova convocatoria de arte emerxente que nesta ocasión vén precedida polo I Encontro entre Artistas Novos e Profesionais do Mundo da Arte na Illa de San Simón, en outono de 2004”.

-“Froito daquela xornada son algunhas das medidas que estamos a poñer en marcha neste ano e que conforman un Programa de Artes Plásticas verdadeiramente novo para os creadores e profesionais do mundo da arte na nosa terra, especialmente para os máis xóvenes”.

-“Así ademais destas exposicións na Casa da Parra e as que actualmente se desenvolven con carácter itinerante nas catro provincias galegas, púxose xa en marcha para o presente exercicio un convenio de colaboración coa Asociación de Galeristas de Galicia, que facilitará a participación dos nosos artistas en diferentes feiras nacionais e internacionais, como a recente celebrada ARCO ou a de Lisboa, París, Turín, Chicago e outras”.

-“Tamén a través desta Asociación estase a pechar un acordo que facilite a realización de exposicións de xente nova, aproveitando os espazos que posúen por toda Galicia, e sobre todo buscando abrir á xente nova canles máis profesionalizados e comerciais, que lles permitan entrar de cheo no mundo creativo”.

-“Tamén imos desenvolver por primeira vez en Galicia unha experiencia formativa para mozos creadores a través dun Programa de becas en residencia para xóvenes artistas e creadores”.

-“Emerxentes pon de manifesto a riqueza, a diversidade e a vitalidade creativa dos mozos artistas galegos, que nesta ocasión están representados por Carlos Maciá, Arturo Reboiras, Fernando Yáñez, Jorge Couceiro, Cristina Mejuto e Lorena Lázara”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia