Skip to main content

En Marea pide no Congreso un Plan Industrial para garantir o futuro de Navantia e aumentar a carga de traballo dos estaleiros galegos

O Plan Industrial presentado por En Marea pídelle ao Goberno central que recoñeza Navantia e o sector naval como un sector estratéxico para o Estado e que aprobe de xeito inmediato a construción dun novo dique que permita abrir a cota de mercado para buques e gaseiros de maior tamaño. "O que estamos pedindo é un plan industrial que defina e garanta o futuro dos estaleiros desta comerca. Nun momento complexo para Navantia, é fundamental que se recoñeza o sector naval como estratéxico para Galicia e para o conxunto do Estado", defendeu a promotora da iniciativa, Yolanda Díaz, que agradeceu aos comités de empresa a súa colaboración na redacción desta proposición non de lei.

Tanto a deputada Yolanda Díaz como o alcalde de Ferrol destacaron a necesidade de ampliar e renovar os planteis de traballadores dos estaleiros, cunha media de idade que supera os 50 anos, ademais de reivindicar a profesionalización do cadro directivo. "Hai que mudar a xestión de Navantia e os seus cadros directivos, afrontando un proceso de profesionalización que permita aos estaleiros de Ferrol desenvolver a súa actividade en condicións de igualdade co resto de países de Europa e crear un polo de investigación e desenvolvemento en colaboración coa Univesidade galega para o desenvolvemento de novas tecnoloxías e proxectos", reivindicou Díaz. "A falta de profesionalización das persoas encargadas de Navantia están impedindo facer del dun estaleiro con futuro", engadiu Jorge Suárez, que cualificou de "luxo para Ferrol que En Marea estea levando ao Congreso dos Deputados as reivindicacións que durante anos expresaron nas rúas miles de traballadores e traballadoras da comarca."

Para En Marea o Goberno central debe agora demostrar un compromiso con esta comarca dándolle luz verde a este plan industrial, elaborando un programa de exportacións de produtos dos estaleiros e formalizando canto antes un contrato entre o Ministerio de Defensa e Navantia no que figure unha planificación das necesidades da Armada española, comezando pola nova serie de fragatas F-110. “Non queremos convertir Navantia-Fene nun estaleiro de síntese nin que se dedique a construír iates para Iberdrola. Queremos desenvolver un polo industrial que consolide a construción civil e militar e que xere alto valor engadido nunha comarca empobrecida coma Ferrol. Depende da vontade do Goberno central e do resto de formacións políticas que este plan saia adiante", reivindicou Yolanda Díaz.

Dende En Marea e o concello de Ferrol censuran que Navantia estea botando man de empresas auxiliares para abartar os custes e precarizar o traballo. Nese senso o plan de En Marea propón incorporar ao convenio de Navantia a relación con estas industrias auxiliares e o cumplimento dos compromisos de recolocación de 1999. "As empresas auxiliares deben garantir postos de traballo en condicións de dignidade", declarou Yolanda Díaz. "A carga de Navantia está sendo substituída por unha industria auxiliar de traballo precario con xornadas de 11 ou 12 horas diarias", denunciou o alcalde de Ferrol, que anunciou que estará presente no Congreso dos Deputados o día que este Plan Industrial para Navantia sexa debatido en Pleno.

Na rolda de prensa Yolanda Díaz tamén informou que En Marea vén de presentar no Rexistro do Congreso unha iniciativa para que o Ministerio de Interior ceda gratuitamente ao Concello de Ferrol o edificio de Aduanas para o seu uso público.
Gabinete de Comunicación de En Marea