Skip to main content

Publicadas as listas con 13.862 admitidos ás oposicións de 89 prazas na Xunta

Case 14.000 persoas participarán nas oposicións a 89 prazas na Administración Xeral da Xunta, segundo as listas definitivas que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) na edición do martes 15 de marzo. Entre elas, ofértanse prazas para reforzar eidos como o control das finanzas públicas e a loita contra a fraude fiscal.

Esta relación de persoas admitidas –un total de 13.862 opositores- foi elaborada pola Dirección Xeral da Función Pública, e pódese consultar na web funcionpublica.xunta.gal da Consellería de Facenda.

Nestas convocatorias ofértanse 82 prazas de acceso libre, ás cales van opositar persoas que queren traballar na Xunta de Galicia e contan coa titulación correspondente. Estas prazas cubriranse polo sistema de oposición libre, e sete delas están reservadas para persoas con discapacidade, ás que optan 771 persoas. Ademais, outras sete prazas son para promoción interna.

Das 13.862 persoas admitidas nestes procesos selectivos, 7.639 aspiran a acceder ao corpo auxiliar (subgrupo C2) e 4.182 ao corpo administrativo (subgrupo C1). Pola súa parte, no corpo de xestión (subgrupo A2) contabilízanse 1.180 admitidos, mentres que no corpo superior (subgrupo A1) son 861.

Estas oposicións permitirán reforzar distintos corpos de funcionarios da Administración xeral da Xunta de Galicia. En concreto, 15 prazas serán para o corpo superior (A1) e 10 prazas para o corpo de xestión (A2). Ademais, a Xunta convocou 20 prazas para persoal administrativo (C1) e 44 prazas para auxiliares (C2).

Primeiro exame antes do verán

Unha vez publicada no DOG a resolución coas listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, a Xunta examinou e resolveu todas as reclamacións presentadas. A Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, publica hoxe no DOG as listas definitivas, con 13.862 admitidos e 523 excluídos.

En vindeiras datas publicaranse os nomeamentos dos tribunais encargados de xulgar os respectivos procesos selectivos. En todo caso, a realización do primeiro exame está prevista antes da finalización deste primeiro semestre do ano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia