Skip to main content

A embaixadora de Australia traslada ao presidente da Xunta que Navantia é a licitadora preferente para a construción de barcos da Armada australiana

A embaixadora de Australia en España, Virginia Greville, trasladou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que Navantia é a licitadora preferente para a construción de barcos da Armada Australiana.

Durante unha reunión mantida esta mañá -á que tamén asistiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde-, Feijóo constatou que actualmente están pendentes de pechar os prazos e o contrato da construción de dous BAC (buques de aprovisionamento en combate), que suporá tres millóns de horas de traballo (1,5 millóns de euros por cada barco).

Así mesmo, hai que salientar que un dos aspectos máis importantes deste contrato é que a construción se levaría a cabo no estaleiro de orixe; é dicir, de resultar gañadora Navantia, o proxecto executaríase en Navantia Ferrol.

Cómpre lembrar que foi en 2014 cando o Goberno australiano convocou o concurso para a construción destes dous barcos loxísticos, case idénticos ao BAC Cantabria. E, en agosto de 2015, Navantia presentou unha oferta que resultou finalista, xunto coa presentada polas empresas surcoreanas Daewoo e Marine.

Os numerosos contratos que a empresa pública española ten firmado co país austral pon de manifesto a estreita relación que Navantia mantén con Australia. Non en van, na actualidade Navantia participa, con deseño e transferencia de tecnoloxía, na construción de tres destrutores inspirados nas fragatas españolas da serie F-100.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia