Skip to main content

Autofarm, MD.USE Innovative e Setpay, gañadores da II edición de Galicia Open Future de Telefónica

A II edición de Galicia Open Future de Telefónica xa ten gañadores. Tras varios meses de aceleración no centro de emprendemento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, as iniciativas Autofarm, MD.USE Innovative e SetPay foron elixidos como os tres proxectos gañadores desta segunda edición.

Como premio, os tres gañadores recibirán unha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, coa cal poderán continuar o desenvolvemento do seu proxecto. Ademais, estas tres startups poderán acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia –Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco- doutros 25.000 euros.

O xurado, formado pola Axencia de Modernización de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a aceleradora de startups de Telefónica Wayra, seleccionou estes tres proxectos en base á achega que supón para os sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado e a viabilidade demostrada polos proxectos, así como pola súa composición multidisciplinaria e polo uso das últimas tecnoloxías.

Proxectos Gañadores

AUTOFARM (Ourense)
Autofarm, formado por Jorge D. Cobas, Ignacio Boubeta, e Daniel Reboredo, nace co obxectivo de simplificar a monitoraxe e xestión de explotacións gandeiras, axuntando un sistema de fácil manexo e comprensión coa posibilidade de obter a tempo real grandes cantidades de datos desde calquera punto que se desexe monitorar. Isto facilita a toma de decisións para obter resultados óptimos de produción e coñecer ao instante calquera anomalía que se poida producir mediante un sistema de alarmas completamente configurable.

MD.USE Innovative Solutions (Santiago de Compostela)
Rebeca García, Anxo Piñeiro, Tomás da Calzada, Roberto Rosende, Carlos Piñeiro, Edgar Mixcoha forman MD.USE, unha spin-off que desenvolve software científico de modelado molecular para simular e predicir resultados de experimentos en laboratorios, aforrando tempo e diñeiro a investigadores de múltiples sectores. Incorporando tecnoloxías de última xeración aos seus produtos, como a Realidade Virtual, na actualidade, conta cunha nova liña de negocio complementaria e enfocada ao desenvolvemento de apps educativas para química. MD.Use está formada por investigadores en simulación computacional, programadores, desarrolladores de aplicacións en Realidade Virtual e expertos en xestión empresarial.

SETPAY (Santiago de Compostela)
O obxectivo de SetPay, como proxecto dirixido ao desenvolvemento de medios de pago, é ofrecer un TPV móbil, é dicir, que permita aceptar pagos con cartón en calquera momento e lugar. Recentemente, e tras estes meses de aceleración, David Pombar, Xoan Gonzalez, e Xavier Martinez –os creadores e responsables deste proxecto- deseñaron e lanzaron o seu segundo produto, unha pasarela de pagos online que mantén a mesma filosofía.

Galicia Open Future
Galicia Open Future é o gran centro de emprendemento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que ofrece a 50 proxectos empresariais innovadores a posibilidade de evolucionar a súa idea co obxectivo de impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia.

O GOF acaba de abrir a súa III edición e ata o próximo 15 de abril os proxectos interesados en participar poden presentar a súa candidatura a través de http://galicia.openfuture.org/. Ata 50 novos proxectos poderán acceder ao programa global e aberto de Telefónica Open Future, deseñado para conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas de todo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia