Skip to main content

A sede do Cervantes en Madrid aposta polo fotógrafo galego José Suárez

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que a exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, que se pechou ao público na Cidade da Cultura, partirá a Madrid para ser acollida polo Instituto Cervantes, que aposta polo fotógrafo galego para a súa exposición principal no seu emblemático edificio da Calle Alcalá na temporada de verán.

‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ será inaugurada en Madrid o 31 de maio e permanecerá aberta ata o 18 de setembro, período no que coincidirá na capital con outra exposición dedicada a un galego ilustre: a mostra que a Biblioteca Nacional organiza con motivo do centenario do nacemento de Camilo José Cela. Co título ‘CJC 2016. El centenario de un Nobel’, a exposición estará aberta do 23 de xuño ao 25 de setembro. Posteriormente, viaxará ao Museo Centro Gaiás, onde será inaugurada o 18 de novembro.

A itinerancia da exposición de José Suárez a Madrid, a súa localización nunha institución tan prestixiosa como é o Cervantes, en concreto na súa sede no corazón da capital, xunto ao feito de ser programada durante a temporada de máxima afluencia turística, supón un logro importante no obxectivo de dar a coñecer a obra do fotógrafo de Allariz fóra de Galicia. O edificio que acollerá esta exposición, que foi primeiro sede do Banco Español del Río de la Plata e despois do Banco Central, foi obra do arquitecto galego Antonio Palacios.

A Cidade da Cultura completará o programa de itinerancias levando en outono a mostra de José Suárez a Bos Aires (Arxentina), cidade clave na biografía do fotógrafo galego, onde desenvolveu parte do seu traballo despois de fuxir de España tras o estalido da Guerra Civil.

Éxito de visitantes

As fotografías de José Suárez deixan o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despois de ser visitada por 15.787 persoas desde a súa inauguración o 13 de novembro. Só durante esta última Semana Santa, a mostra recibiu 2.500 visitantes, converténdose nunha das referencias culturais de Galicia durante o pasado inverno.

Con esta exposición, comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, a Cidade da Cultura ten contribuido a situar a José Suárez –un dos fotógrafos máis relevantes da España do século XX- no lugar que lle corresponde, despois duns anos nos que se tivo convertido nun ‘fotógrafo traspapelado’, en palabras do crítico Juan Manuel Bonet. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, Suárez revélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova Visión ou a Nova Obxectividade.

A exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, a máis ambiciosa das realizadas ata o momento sobre o fotógrafo, reúne as súas imaxes más coñecidas, como as da serie Mariñeiros ou o famoso retrato de Unamuno, pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón, ou das últimas que realizou na súa vida como a de ‘A Mancha’ (1965).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia