Skip to main content

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Ramón Vázquez alerta dunha “ilegalidade” que “pode ser subsanada se non se asina o convenio” con Indra

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou en comparecencia de prensa unha nova e grave irregularidade no proceso de conversión do aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, nun proxecto militar. “O proceso de adxudicación a empresas”, explicou o deputado Ramón Vázquez, “está feito a medida para unha empresa, Indra, moi vinculada ao Partido Popular e ás súas turbias tramas de financiamento”. E nese proceso, ademais, figura unha persoa no comité técnico asesor da mesa de contratación que, á vez, é alto cargo do Instituto Nacional de Técnicas Aeroespaciais (INTA) do Ministerio de Defensa. Deste ministerio tamén depende o control de Indra, unha das empresas seleccionadas para Rozas.

"De seguir adiante este proceso”, sinalou Vázquez, “estariamos diante dun claro caso de prevaricación, dado que o señor Bartolomé Marqués Balaguer está nos órganos de selección e na adxudicataria ao mesmo tempo”. O conflito de intereses provoca que, en palabras do parlamentario, “o proceso deba ser suspendido”. Marqués Balaguer é subdirector xeral de Experimentación e Certificación do INTA, cargo polo que cobre 95.000 euros anuais. “O conflito de intereses é claro cando a mesa de contratación no caso de Rozas escolle unha empresa, Indra, dependente do propio ministerio”.

Pero é que a maiores, lembrou Ramón Vázquez, Indra é unha compañía que acumula máis de 700 millóns de débeda, unha importante caída do seu valor accionarial e ten en marcha un ERE de 1750 despedimentos. “Como vai crear emprego unha empresa así?”, preguntouse Vázquez, quen fixo mención ás reiteradas e falsas promesas da Xunta respecto á creación de postos de traballo no Aeródromo de Rozas, “ou é que Feijóo quere amañar as contas desta empresa con diñeiro público?”. Indra aparece, ademais, entre as marcas vinculadas á trama Púnica de financiamento irregular do PP.

“Esta ilegalidade pode ser subsanada se aínda non se asinou o convenio entre a Xunta e Indra, anunciado para o vindeiro abril, ou se se cancela”, expuxo Vázquez, quen tamén reclamou da Xunta e do Goberno central que “digan a verdade”, en referencia ás repetidas negativas dos executivos sobre o carácter militar da base de drons en Rozas.

Alternativa Galega de Esquerda rexistrou unha proposición non de lei que esixe a paralización do proceso “por non cumprir coa normativa e a legalidade en contratación pública”.

Gabinete de Comunicación de AGE