Skip to main content

A coruñesa Sadepor obtén o certificado Galicia Calidade para a súa carne de porco

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, entregaron na Coruña o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa cárnica Sadepor.

Con este recoñecemento, a compañía pode incluír na súa etiquetaxe o selo para os produtos de carne de porco criado en Galicia e para o chourizo Sadepor, elaborado a partir de carnes de porcos criados na comunidade autónoma. O selo, con validez para o próximos tres anos, permitirá a Sadepor incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción.

Alfonso Cabaleiro eloxiou a aposta pola calidade desta empresa, o que lle permite competir con vantaxes nos mercados nacionais e internacionais. Tamén destacou o esforzo que fan as empresas certificadas por Galicia Calidade para ofrecer os mellores produtos e servizos aos consumidores, o que contribúe a fortalecer a economía galega. Segundo dixo, “transmiten no exterior unha maneira diferente de traballar en Galicia, o compromiso co esforzo e a aposta pola innovación”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña destacou o espírito desta empresa familiar e mostrouse orgulloso de que os herdeiros do fundador de Sadepor estean “empeñados en dicirlle a todo o mundo o bo que é o produto da nosa terra”. “Galicia necesita empresas como a vosa”, afirmou Diego Calvo.

Elaboración tradicional

Sadepor, fundada en 1979, comercializa produtos cárnicos e derivados do porco, procedentes de ganderías autóctonas, con certificados de calidade UNE ISO 9001-2000. En 1991 ampliou a súa actividade coa creación de Embutidos Obradoiro, dedicada á elaboración de produtos curados, que respectan as pautas de elaboración tradicional galega.

Sadepor mantén desde o ano 2000 unha alianza comercial estratéxica co Grupo Coren para a produción e distribución dos produtos, o que permitiu ás dúas empresas crecer en mercados doutras comunidades autónomas, como Castela e León, País Vasco, Cataluña, ou en Portugal. Conta cun cadro de persoal de máis de 50 traballadores e no ano 2014 a súa facturación superou os 14,5 millóns de euros, cun crecemento superior ao 16,2% respecto a 2012.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que vai sumando máis empresas e produtos. Na actualidade conta xa con máis de 300 produtos certificados de 72 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia