Skip to main content

O sistema de información galego sobre VIH constitúe unha das principais ferramentas para frenar a extensión do VIH

A existencia e posta en marcha do Sistema de Información Galego sobre VIH (SIGIVIH), constitúe a día de hoxe unha das principais ferramentas da Administración sanitaria para frenar a extensión da epidemia do VIH para protexer aos cidadáns xa afectados así como impedir novas infeccións para toda a poboación. En consecuencia, unha suspensión ou alteración deste sistema perxudicaría notablemente ás administracións sanitarias á hora do desenvolvemento das funcións que lle corresponden de protección da saúde colectiva e de control desta enfermidade. Polo tanto, a Administración sanitaria galega recorreu a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre este asunto.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade consideran que a notificación dos novos diagnósticos de infección por VIH é, na actualidade, segundo coinciden todos os expertos e organismos nacionais e internacionais responsables en sanidade, o principal método para dimensionar a incidencia e evolución da epidemia de VIH/Sida, posto que, cos novos tratamentos, o Rexistro de Sida só informa dos enfermos ou infectados hai varios anos, xa que o período de incubación é moi longo (entre 8 ou 12 ou incluso máis anos).

BENEFICIO REAL

Como mostra do dito con anterioridade, a Consellería de Sanidade estaba a piques de publicar un informe dos datos acumulados do SIGIVIH dende a súa creación en febreiro de 2004, onde ponse de manifesto que, no mesmo período temporal, mentres o Rexistro Galego da Sida dí que o 27% do total de novos casos son por transmisión heterosexual, o SIGIVIH amosa que esta vía de transmisión xa é do 42% das novas infeccións, reflectindo tamén un incremento na transmisión homosexual e un decremento no colectivo de usuarios de drogas por vía parenteral. Este notable feito xustificativo da necesidade do SIGIVIH tamén está corroborado por datos similares publicados en prestixiosas revistas científicas e en varias Comunidades Autónomas (Euskadi, Cataluña, Castilla-León, Canarias,...).

Polo tanto, coñecer esta situación permitirá aos técnicos expertos en saúde pública ser máis eficaces cos recursos dispoñibles e deseñar intervencións entre os grupos de poboación que se están a infectar. Sen os datos do SIGIVIH tardaríanse dez ou máis anos en dispoñer de parecida información o que, claramente, é insuficiente.

SEGURIDADE PROBADA E CONSENSO

O SIGIVIH proporciona pois un beneficio real e probado e pretende anularse en base a un supusto perigo simplemente teorizado e que, os feitos dispoñibles (léase rexistro de sida existente dende hai dúas décadas) desminten, posto que ningún rexistro de sida de ningunha Comunidade Autónoma foi obxecto de filtración de calquera información. En consecuencia, os datos do Rexistro de VIH non son diferentes, ao contrario, son moitos máis seguros posto que son anónimos xa que non se recollen máis que as dúas primeiras iniciais do nome e apelidos.

A Consellería de Sanidade comparte, como non podía seren doutro xeito, a preocupación por garantir os dereitos á intimidade e vida privada dos cidadáns e, por iso, só adopta medidas como esta cando están totalmente xustificadas tecnicamente e non entran en colisión cos dereitos individuais e, ademais, cumprindo rigorosa e escrupulosamente toda a normativa legal vixente no que atañe á protección deses dereitos individuais. Polo tanto, o SIGIVIH non ten por finalidade saber quenes se están a infectar nin actuar directamente sobre eles (para isto están os servizos asistenciais), senón saber que grupos de poboación e de que características sociodemográficas e de factores de risco están actualmente infectándose por VIH para, deste xeito, dispoñer de toda a información posible para seguir loitando contra a enfermidade.

Sinalar, por último, que a creación deste Rexistro por parte de Sanidade fíxose despois dun proceso de discusión e análise no que participaron representantes de todos os axentes sociais implicados, profesionais e afectados, incluíndo a algúns dos que agoran reclaman. Logo dese proceso decidiuse, por unanimidade, coa única excepción dalgún membro dalgunha das ONGs consultadas, a creación deste sistema por necesidades perentorias colectivas, creándose este sistema de información ao amparo da Lei Xeral de Sanidade e da Lei de Protección de Datos.
Gabinete de Comunicación do Sergas