Skip to main content

O Salón Internacional da saúde conta con todos os hospitais públicos galegos

A sanidade pública galega estará amplamente representada na segunda edición do Salón Internacional da Saúde, que comezará o 13 de abril, e que durante tres días reunirá en Compostela a especialistas de talla internacional nunhas 40 disciplinas médicas. Todos os hospitais públicos de Galicia contarán con presenza no SIS.

Arredor dun cento de profesionais que exercen a medicina ou están relacionados co ámbito da sanidade en Galicia participarán nas diferentes Xornadas Científicas incluídas no programa do II Salón Internacional da Saúde. A Xornada de Neumoloxía, con 9 participantes, é a que contará con maior presenza de especialistas galegos, seguida de Cardioloxía e Oftalmoloxía (con 8 participantes galegos en cada unha delas). En Muller e Saúde intervirán 7 profesionais da Comunidade, e en Endocrinoloxía e Medicina Física e Rehabilitación, farano 6 en cada unha delas, mentres as Xornadas Científicas de Obesidade e Alergoloxía contarán con 5 profesionais da sanidade galega.

A estes participantes súmanse os máis de douscentos especialistas galegos que forman parte dos Comités Científicos encargados de seleccionar aos ponentes de cada unha das Xornadas.

A SANIDADE GALEGA NA EXPOSICIÓN XERAL

Ademais dos expertos que participan dun ou doutro xeito nas Xornadas Científicas, todos os hospitais públicos de Galicia contarán cun espazo no pavillón que acollerá a exposición xeral.

Os centros galegos ocuparán un total de 21 stands nos que se distribuirán por complexos hospitalarios. Así, no tocante aos centros da provincia da Coruña haberá un stand para o Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo-Marítimo de Oza, outro para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (onde estarán o Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, Gil Casares e Hospital Psiquiátrico de Conxo) e un terceiro para o C. H. Arquitecto Marcide de Ferrol. No caso de Lugo, terán o seu propio espazo o Complexo Hospitalario Xeral-Calde, o Hospital da Costa de Burela e o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

Polo que se refire á provincia ourensá, no SIS estarán representados o Complexo Hospitalario de Ourense (cos centros hospitalarios Cristal Piñor, Santa María Nai e Cabaleiro Goás) e o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras. Finalmente, de Pontevedra haberá stand do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (no que estarán o Meixoeiro, o Nicolás Peña e o Rebullón) e do Complexo Hospitalario de Pontevedra (co Hospital de Montecelo e o Provincial).

ATENCIÓN PRIMARIA E FUNDACIÓNS

As Fundación que traballan en Galicia terán tamén a súa representación no SIS. Os seus profesionais intervirán en varias das 40 Xornadas Científicas, pero ademais contarán co seu propio espazo na exposición xeral.

Serán dez stands nos que se repartirán as Fundacións Públicas Hospital da Barbanza; o Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee; o Hospital de Verín e o Hospital Comarcal do Salnés; así como a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, recentemente distinguida co Premio Nacional Diario Médico á Xestión en Atención Primaria, polo seu Plan de Implantación da Desfibrilación Semiautomática Externa (DESA), que permitiu ao 061 lograr unha supervivencia do 13% en pacientes con parada cardiorrespiratoria.

No SIS estará o Centro de Transfusión de Galicia, que ademais de facilitar información sobre a doazón de sangue tradicional, informará da doazón de aférese (na que se doan os diferentes compoñentes sanguíneos), e sobre o Banco Galego de Sangue de Cordón Umbilical, que é o terceiro de España por número de unidades. O Instituto Galego de Oftalmoloxía, o Instituto Galego de Medicina Técnica e a Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), ao igual que o Foro Galego Iberoamericano da Saúde, terán tamén presenza no Salón.

Ademais, na exposición xeral haberá un stand para as catro xerencias de atención primaria de Galicia.

A SANIDADE DOUTRAS COMUNIDADES

O II Salón Internacional da Saúde contará cunha nutrida participación de especialistas de boa parte das Comunidades Autónomas españolas. 150 destes profesionais intervirán como ponentes nas diferentes Xornadas, e máis dun cento forman parte dos Comités Científicos que seleccionaron aos participantes.

Son profesionais de centros médicos de recoñecido prestixio, como o Hospital Universitario Ramón y Cajal, o Hospital 12 de Octubre, e o Hospital General Universitario Gregorio Marañón, de Madrid; o Hospital Vall d´Hebrón, e o Hospital Clínic i Provincial de Barcelona; o Hospital Universitario La Fe e o Hospital General Universitario de Valencia; o Hospital Marqués de Valdecilla de Santander; o Hospital Universitario Miguel Servet de Zaragoza; a Clínica Universitaria de Navarra; o Hospital de Cruces, en Biscaia; o Hospital de Jarrio e o Hospital Universitario Central, en Asturias; e Hospital Universitario Son Dureta, de Palma de Mallorca, entre outros.

Os Departamentos de Sanidade das Comunidades Autónomas de Madrid, Cantabria, Extremadura e Baleares, confirmaron xa a súa presenza na exposición xeral, onde tamén estará representado o Ministerio de Sanidade e Consumo. Ademais, representantes do Ministerio participarán en varias das Xornadas Científicas que se desenvolverán en abril na capital de Galicia, mentres outros están integrados nos Comités Científicos que se ocuparon da selección dos ponentes que intervirán nas Xornadas.
Gabinete de Comunicación do Sergas