Skip to main content

O director xeral de Anfaco asegura que tanto a producción como a exportación de conservas ten aumentado positivamente

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, reuniuse co director xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Pescados e Mariscos, Anfaco, Juan María Vieites Baptista de Sousa, quen lle presentou ao titular do Goberno galego o balance correspondente ano pasado ano 2004. Na xuntanza, celebrada esta mañá, en San Cetano, tamén participaron outros representares da asociación como Álvaro Pérez-Lafuente Bóveda, Guillermo Alonso Jáudenes, Jesús M. Alonso Escurís e Braulio Alfageme Pernas.

Logo do encontro, Juan María Vieites asegurou que os datos correspondentes ao ano 2004, tanto ao que a produción como á exportación das conservas de pescados e mariscos galegos se refire, foron bos, xa que estes dous aspectos teñen “aumentado positivamente”. O director xeral de Anfaco confirmou que, a produción se incrementou o pasado ano en niveis do 2-3%, polo que o sector conserveiro galego xa representa, na actualidade, o 80% da produción española e, nalgúns produtos, como no caso do atún, “o 50% da produción comunitaria”. “Seguimos sendo o primeiro produtor da UE, e o segundo a nivel mundial”, logo de Tailandia, asegurou.

Durante o encontro, o director xeral de Anfaco tamén lle transmitiu a Manuel Fraga a necesidade de que o sector pesqueiro siga contando cos Fondos Estrutrurais Europeos, non só na actualidade, senón no horizonte 2007-2013. Neste sentido, Juan María Vieites Baptista de Sousa indicou que desde a asociación que dirixe xa se está a traballar nesta dirección, xa que está participando “no propio grupo que o Consello Galego de Pesca ten formado xa”.

Así mesmo, o director xeral de Anfaco abordou co titular do Goberno galego outros aspectos como a necesidade de dispor de máis estruturas, de máis polígonos industriais adecuados ao sector da industria, transformación e comercialización dos produtos da pesca.

PLAN ESTRATÉXICO

Durante o encontro, Juan María Vieites Baptista de Sousa tamén tivo a oportunidade de abordar con Manuel Fraga, ao igual que o fixo xa en Bruxelas, ante a Comisión da Unión Europea, o problema que representan para a competitividade do sector pesqueiro galego outros países como Tailandia, xa que, dixo, “as políticas da UE están prexudicando gravemente a posición que tiña o sector na UE”. “O ano pasado –engadiu- Tailandia incrementou o 16% o seu acceso ao mercado comunitario”.

Por iso, Juan María Vieites apostou por defender “a nosa flota” e “a nosa industria” ante terceiros países que, dixo, “non cumpren as normas mínimas de condicións hixiénico-sanitarias, nin de flota, etc.”

Finalmente, o director xeral de Anfaco informou ao máximo mandatario galego do Plan Estratéxico do sector conserveiro 2005-2010, no que a calidade, a rendibilidade, a competitividade, a internacionalización, a minimización de custos e o axeitar as conservas ás pautas hixiénico-sanitarias van ser as prioridades. Precisamente no campo da internacionalización, as actuacións van ir dirixidas nun dobre sentido: asegurar o abastecemento da materia prima e a abordar mercados locais que, por loxística, desde Galicia, é máis complexo acceder a eles.

Juan María Vieites Baptista de Sousa cualificou o encontro co presidente da Xunta de “positivo” e salientou que a receptividade do titular do Goberno galego a todas as súas propostas “foi total”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia