Skip to main content

Promociónase o leite con selo Galega 100% no partido de basket do Ourense Provincia Termal

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participaron na promoción do selo “Galega 100%” no partido de baloncesto entre o Ourense Provincia Termal e o C.B. Prat Joventut.

Ambas repartiron minibricks de leite con este selo de calidade diferenciada e folletos informativos sobre a orixe deste produto entre os asistentes ao encontro no Pazo dos Deportes Paco Paz. Nesta promoción tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.

A conselleira destacou que baixo este selo de “Galega 100%” identifícase o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. Incidiu tamén en que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de granxas inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.

Esta acción de promoción en Ourense complementa as actividades levadas a cabo por toda a Comunidade da man da Administración galega. Así, en diferentes puntos de Galicia programáronse diferentes charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos, feiras agroalimentarias e outros actos con importante afluencia de público.

A marca “Galega 100%” e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia