Skip to main content

Galicia activa unha resposta de emerxencia e axuda polo terremoto de Ecuador

Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta de emerxencia para atender ao chamamento internacional de axuda aos damnificados polo terremoto que asolou o nordeste de Ecuador na noite do sábado, 16 de abril.

O sismo de 7,8 grados -o peor das últimas tres décadas- deixou polo momento máis de 400 vítimas mortais, milleiros de feridos e cuantiosos danos materiais. O país atópase en estado de excepción.

En coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional, AECID, nas próximas horas sairá da Base de Torrexón un avión cara Ecuador cargado de axuda humanitaria, fundamentalmente auga, material de acubillo e kits de asistencia inmediata de medicamentos e material sanitario.

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos oito convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. O convenio deste ano asinouse o pasado decembro por importe de 50.000 euros.

Estes convenios establecen que as actuacións deben prestar especial énfase aos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia -auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade-, en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.

Ao longo destes anos de colaboración, a Xunta e Farmamundi teñen activado este tipo de resposta inmediata ante diferentes emerxencias acaecidas, como os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo, as emerxencias por mor das choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia