Skip to main content

Celébrase en Michigan o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos: Renovación académica, comunicación artística e innovación social, que organiza a Universidade de Michigan-Ann Arbor coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura. O encontro congregará ata o sábado preto de 200 galicianistas, na súa meirande parte profesores e investigadores que traballan arredor dos estudos galegos en universidades americanas e doutros países de fala anglófona.

“A incorporación do noso idioma propio á Modern Language Association (Asociación de Linguas Modernas, MLA) e o pulo dos estudos de lingua e cultura galegas nos Estados Unidos son dúas das mellores mostras do avance e da busca da modernidade desde o galego”, destacou o secretario xeral durante a súa intervención, na que tamén puxo de relevo que “resultan fundamentais para reforzar a nosa autoestima colectiva e para profundar no coñecemento de nós mesmos e do noso pasado, presente e futuro as contribucións aos estudos galegos que se fan desde outras culturas“.

Acompañaron a García Gómez no acto de apertura Cristina Moreiras-Menor, profesora da universidade coordinadora do simposio, e Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, ambos os dous, membros do comité organizador.

II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos (Michigan, 20-23 de abril)
A Universidade de Michigan-Ann Arbor acolle durante catro xornadas o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, que lle dá continuidade ao primeiro simposio celebrado na Universidade de Wisconsin-Milwaukee en maio de 2014, impulsado polo Grupo de Investigación de Estudos Galegos desta institución baixo a coordinación do profesor e sociolingüista galego Gabriel Rei-Doval.

O encontro, que amplía a súa duración con respecto ao primeiro atendendo á alta demanda de asistencia e propostas de presentación de comunicacións centradas nos estudos galegos no ámbito norteamericano, ten como obxectivo congregar o persoal investigador e docente que traballa no ámbito dos estudos galegos en universidades de EUA e doutros países de fala anglófona desde unha perspectiva multidisciplinar.

O simposio propiciará un espazo para a reflexión sobre o estado dos estudos galegos na súa relación con disciplinas como a teoría cultural, a antropoloxía, o materialismo cultural e as política lingüísticas no contexto da realidade global actual, entroutras.

Así, este segundo encontro arredor dos estudos galegos constará de sesións libres de comunicacións, así como de mesas de debate e reflexión sobre aspectos diversos que centran o traballo neste ámbito, como a lingua, a literatura, as artes plásticas e visuais e, en xeral, calquera aspecto relacionado coa cultura e coa sociedade galegas.

O programa completo das catro xornadas, que contará coa participación dunha ampla representación de docentes, investigadores, artistas e profesionais galegos, pódese consultar no enlace http://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1726079&name=DLFE-11814.pdf

A Asociación de Linguas Modernas, MLA

A MLA de EUA é a maior corporación académica a nivel mundial e conta, desde a súa fundación no ano 1883, con preto de 28 000 membros en máis de 100 países. No seu seo créanse foros, de acordo cun rigoroso e exhaustivo proceso que concluíu para Galicia en novembro de 2014 cunha sección específica dedicada á lingua e á cultura propias: o Galician Language, Literature and Culture Forum.

A proposta galega, impulsada por Gabriel Rei-Doval, presentouna un comité de docentes e investigadores coas suxestións doutros membros da comunidade académica galega e recibiu numerosos apoios internacionais, así como o máis alto número de adhesións acadado por ningunha das solicitudes feitas no bienio 2013-2014. Este fito marcou un éxito sen precedentes, tanto por canto supuxo para a proxección exterior da lingua, literatura e cultura propias como para a dinamización, recoñecemento e visibilización de Galicia en Norteamérica e no eido das Humanidades no contexto internacional.

Así, a lingua e a cultura galegas incorporáronse oficialmente á MLA na edición 2016 do seu congreso -o máis importante e representativo no ámbito das linguas, das literaturas e das culturas do mundo- que se celebrou en Austin (Texas) en xaneiro deste mesmo ano, no que catro sesións académicas estiveron completamente dedicadas a Galicia para dar conta das relacións literarias, lingüísticas e culturais entre Galicia e o norte de Portugal; do Rexurdimento galego e da produción literaria do s. XIX; de aspectos relacionados coa tradución, co bilingüismo e coa globalización; e do estudo de autores clásicos e actuais considerados de referencia no marco do sistema literario galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia