Skip to main content

Agadic subvenciona a produción dos novos espectáculos de 29 compañías escénicas galegas

Un total de 29 compañías escénicas galegas producirán os seus novos espectáculos co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que acaba de publicar no seu web a adxudicación de 600.000 euros a través da súa liña de subvencións á produción escénica.

Esta achega económica distribúese entre oito montaxes de empresas de recente creación, 11 de pequeno formato, seis de mediano formato e catro de gran formato, todas elas con datas de estrea entre o pasado día 1 de abril e o 31 de marzo de 2017. A convocatoria resolveuse en réxime de concorrencia competitiva de acordo coas puntuacións obtidas por cada un dos proxectos tras a aplicación do baremo estipulado nas bases.

As contías outorgadas oscilan entre os 53.177 euros que recibirá Voadora para a súa adaptación en gran formato de ‘Soño dunha noite de verán’, de William Shakespeare, e os 3.439 euros adxudicados á produción do espectáculo para público infantil ‘Gretel e Bela’, de Teatro da Semente, dentro da modalidade dirixida a empresas escénicas de nova creación, que sitúa o límite de antigüidade en cinco anos.

Dentro da mesma categoría para novas compañías, apóianse outras sete montaxes: ‘Resaca’, o novo proxecto de IlMaquinario (14.326 euros); ‘Canta o cuco’, espectáculo escénico musical de Magín Blanco e Uxía (12.631 euros); ‘O conto da azuzaina’, de Limiar Teatro (12.322 euros), ‘Pum, Pum!’, de Baobab Teatro (11.879 euros); ‘O mundo máxico de Pinocho’, de Educateatro Producións (11.422 euros); ‘Voaxa e carmín’, de ButacaZero (7.994 euros) e o espectáculo de danza ‘Emoticores’, de Las Tricotouses (7.293 euros).

Catro producións en gran formato

Xunto coa nova proposta de Voadora, en gran formato figuran outras tres producións con máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena. Son ‘A cabeza do dragón’, de Producións Teatráis Excéntricas (50.565 euros), ‘O tolleito de Inishman’, de Contraproducións (48.344 euros) e Ubú Rei, de Talía Teatro (44.480 euros).

No que respecta á categoría de mediado formato, dirixida a espectáculos con entre catro e sete intérpretes, cofinanciaranse os proxectos teatrais ‘Normas para saber vivir na sociedade actual’, de Sarabela Teatro (37.925 euros); ‘Tropical’, de Elefante Elegante (36.897 euros); ‘Estado de graza’, de Teatro do Noroeste (33.149 euros), ‘Get Back’, de Emedous (31.675 euros); e ‘O caso é ter saúde’, de Malasombra (16.580 euros), ademais da montaxe de novo circo ‘Outono’, de Pistacatro Produtora de Soños (28.137 euros).

Variedade de xéneros e estilos

Por último, na modalidade de pequeno formato, para montaxes de ata tres intérpretes, subvenciónanse 11 producións, entre as que se atopan propostas de teatro de monicreques, de obxectos, de actor e novas tendencias: ‘O entroido do animais’, de Títeres Cachirulo (17.698 euros); ‘A nena que quería navegar’, de Redrum Producciones (16.726 euros); ‘O encoro enmeigado’, de Kukas Producciones (15.692 euros); ‘Helena: xuízo a unha lurpia’, de Teatro do Atlántico (15.035 euros); ‘Adeshoras’, de Berrobambán (14.583 euros); ‘Después de camarina’, de Teatro Ensalle (14.410 euros); ‘Barriga Verde de Manuel María’, de Viravolta Títeres (9.932 euros); ‘Simbad e a serea’, de Os Quinquilláns (9.383 euros), ‘Tita (un espectáculo teatral...)’, de Teatro Babaluva (9.043 euros); ‘Vaia merda de heroe’, de Chévere (8.564 euros); e ‘Cabaret dez anos’, de El Retrete de Dorian Grey (6.684 euros).

O obxectivo destas subvencións, ás que optaron un total de 46 proxectos, é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. A achega económica que percibirán estas 29 empresas –distribuída entre as anualidades de 2016 e 2017– insírese no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coas convocatorias destinadas a distribución e promoción exterior, a salas privadas de exhibición e a festivais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia