Skip to main content

Fina Casalderrey, Domingo Villar e Ledicia Costas levan a literatura galega ás bibliotecas municipais arxentinas

A literatura galega chega ás bibliotecas municipais da capital Arxentina a través dos encontros cos lectores e lectoras que manterán os escritores Domingo Villar, Fina Casalderrey e Ledicia Costas, que participan estes días na programación de Galicia na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, con motivo da designación de Santiago de Compostela como cidade convidada.

As bibliotecas Guido y Spano e Casa de la Lectura serán os escenarios destes encontros, aos que se suman o vindeiro 3 de maio Diego Ameixeiras e María Meijide. A académica da lingua galega Fina Casalderrey abrirá estes encontros coa conferencia 'A LIX como carne de cangrexo', que será presentada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Ademais, o representante do Goberno galego mantivo esta mañá unha xuntanza co director xeral do Libro, Bibliotecas e Promoción da Lectura da Cidade de Buenos Aires, Javier Martínez, na que ambos abordaron as estratexias promovidas polos seus respectivos departamentos para reforzar os servizos bibliotecarios, impulsar o sector editorial e promover a lectura entre a cidadanía.

Percorrido polos murais de Seoane en Bos Aires

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura Goberno da Cidade de Bos Aires colaboran tamén na difusión dos itinerarios culturais polos murais de Luis Seoane. Con este obxectivo, Anxo Lorenzo e Josefina Delgado presentan hoxe no stand de Galicia un novo material divulgativo que inclúe máis de vinte murais do artista situados en lugares públicos e tamén na entrada de edificios particulares de Bos Aires.

Nesta iniciativa para dar a coñecer na cidade unha das figuras máis salientables da arte galega do século XX destacan dous circuítos: un no barrio de Belgrano e outro que abatca os barrios de Recoleta, Retiro, San Nicolás e Balvanera.

A programación galega na Feira do Libro de Buenos Aires está accesible en www.cultura.gal/librogalegobaires16 e o desenvolvemento das actividades pode seguirse a través das redes sociais, en Facebook e Twitter (librogalegobaires16).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia