Skip to main content

O PPdeG defende un pacto de Estado pola educación que consolide a mellora dos indicadores

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Hipólito Fariñas, defendeu no Parlamento que o Goberno central, a partir da Lei Orgánica en vigor, explore a posibilidade de acadar un pacto de Estado pola educación que trate de consolidar a senda de mellora dos indicadores de resultados consecuencia das innovacións pedagóxicas e metodolóxicas postas en marcha nos últimos anos.

Hipólito Fariñas demandou á oposición que “deamos desde Galicia unha mensaxe clara de que o acordo é viable e fagamos que sexa Galicia a primeira Comunidade na que se chegue a un consenso que diga que o pacto educativo e a estabilidade normativa non só son necesarios, senón tamén posibles”.

“Consenso tamén debería haber en que non hai reválida, como acostuman a dicir desde os grupos da oposición, senón unha proba de avaliación que permitirá saber se o sistema educativo facilita adquirir as habilidades e destrezas para o que foi deseñado”, sinalou o portavoz popular.

Así, explicou que “non avalía coñecementos, senón competencias clave; avalía a idoneidade do sistema educativo, non coñecementos do alumnado; non aproba nin suspende cursos, nin figura no expediente do alumno”.

Fariñas apuntou que “a LOMCE modificou a LOE nun 41 por cento dos seus artigos, incorporando máis do 70 por cento das propostas educativas feitas polo ministro socialista Gabilondo”. “Todos sabemos que precisamos un sistema educativo estable, eficiente e de calidade, e por iso pedimos que se abandonen a demagoxia e o dogmatismo para traballar en positivo, deixando de usar a educación como ferramenta política”, sinalou.
Gabinete de Comunicación do PPdeG