Skip to main content

O presidente da Xunta recibiu o carnet número 1 do Clube Galicia Premium á súa chegada ao Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, recibíu do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, a tarxeta que o acredita como o socio número 1 do clube de fidelización turística Galicia Premium, xusto á súa chegada ao parador de Turismo de Santo Estevo de Ribas de Sil, establecemento adherido a este programa deseñado por Turgalicia para premiar aos turistas máis fieis coa Comunidade galega.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, tamén obsequiou aos conselleiros do Goberno galego con cadanseu carnet do programa Galicia Premium, así como os xornalistas acreditados para a cobertura informativa desta xuntanza anual dos membros do Consello.

Este programa funciona desde o día primeiro de febreiro de 2005 e, en esencia, constitúe un sistema promocional co que obter puntos para o seu posterior troco por noites de aloxamento de balde nos establecementos adheridos ao programa.

PRETO DE 2.000 ESTABLECEMENTOS

Cada vez que o titular da tarxeta se aloxe nun dos máis de 1.800 establecementos turísticos asociados ao programa, acumulará puntos na súa conta persoal. É imprescindible presentar a tarxeta Galicia Premium ao rematar a estancia e solicitarlle expresamente ao establecemento que cargue os correspondentes puntos.

Os puntos acumulados convertiranse en noites gratuitas que se poderán difrutar na rede de aloxamentos de Galicia, cando se queira, sempre que o establecemento elexido conte con prazas dispoñibles na data solicitada.

A adxudicación dos puntos faise en base ao número de noites, a tipoloxía e categoría do aloxamento.

Os establecementos dispoñen dos folletos-solicitude e estes mesmos soportes están presentes nas oficinas de Turismo da Xunta de Galicia e na oficina de Turismo de Galicia en Madrid. Ademais, Turgalicia distribúe este material impreso en diferentes promocións, como feiras, presentacións e outros actos turísticos.

Tamén é posible darse de alta a través da páxina web www. galiciapremium. turgalicia. es.

BOA ACOLLIDA

A etapa inicial, do 1 de febreiro ao 15 de marzo, foi considerada como de posta en funcionamento da operativa do programa, de adaptación do software, envíos de material e toma de contacto cos establecementos.

Tras mes e medio de andaina, e sen apenas promoción, o programa Galicia premium, conta xa con 325 titulares, dos que o 80 por cento son galegos, o 15 por cento pertencen a outras comunidades autónomas e un 5 por cento son estranxeiros.

Do total das altas solicitadas, o 45 por cento empregaron a solicitude vía correo ordinario, mentres que o 55 por cento restantes realizárona a través da web.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia