Skip to main content

Preséntase un novo libro cos discursos dos expresidentes galegos, desde Fernández Albor ata Feijóo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos ex-presidentes da Xunta como os activos principais “dese galeguismo e dese europeísmo que forxan o noso autogoberno”.

Durante o acto de presentación do libro Fernando González Laxe discursos parlamentarios, o segundo volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia, afirmou que o paso do tempo, e sobre todo a integridade das persoas, fan que os ex-presidentes formen parte dun patrimonio común que desdebuxa as fronteiras partidarias. “Eles son os grandes artífices do que somos”, asegurou, afirmando que cada un na súa etapa demostrou que a política é útil, “que non é outra cousa que a ferramenta que temos os homes para definir xuntos o noso destino, para cambialo ou continualo”.

Sobre este punto, aseverou que Galicia definiu o seu, e o resultado está no Parlamento; “neste acto no que expresamos a convivencia, a tolerancia e a unidade que o noso pobo practica a cotío”, dixo.

Feijóo lembrou que desde ese xa afastado 1987, a historia acelerouse para producir cambios que ningún escritor de ficción puido imaxinar. “Desaparecen imperios e nacións; xorden países novos e caducan ideoloxías que pretendían resolver para sempre os problemas da humanidade; desátanse crises e asoman diferentes ameazas. Pero a democracia, os parlamentos, o poder da palabra, seguen en pé”, aseverou, facendo fincapé en que grazas á democracia, ao Parlamento e á palabra, Galicia segue en pé e son precisamente os que pisan a liberdade os que esmorecen.

Ao longo do acto, o titular da Xunta subliñou que Europa é unha idea esencial para entender a personalidade de Fernando González Laxe e que curiosamente, o europeísmo tamén condiciona decisivamente as traxectorias de Xerardo Fernández Albor, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño. “As súas ideoloxías converxeron no europeísmo. Tanto o reformismo duns, como a socialdemocracia doutros, tiñan o común denominador de Europa”, abundou.

Nesta liña, asegurou que hai unha teima recorrente nestes discursos parlamentarios que hoxe se presentan: Europa. “Nesa Galicia de 1987 Fernando González Laxe loita por europeizar a nosa mentalidade, disipar as dúbidas que a integración suscitaba nalgúns sectores, e responder dialecticamente ao euroescepticismo político”. E destacou ademais a influencia intelectual que González Laxe segue exercendo a través de actividades docentes, investigadoras e divulgativas, “especialmente valiosas –aseverou- no eido rural”.

Como admirador do seu traballo, o titular da Xunta resaltou a súa constante preocupación por converter a Galicia unida nunha Galicia artellada. “Velaí o gran reto de quen goberna e dos que reflexionan”, recalcou, afirmando que a unidade do noso pobo é unha constante que se fortalece co autogoberno.

“O artellamento é un desafío constante, derivado dos cambios demográficos, tecnolóxicos e culturais. Saber artellar o cambio, artellar a diversidade, é a gran proba dos nosos tempos”, recoñeceu, insistindo en que “por fortuna contamos co exemplo dos que forxaron a Galicia que hoxe desfrutamos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia