Skip to main content

Os museos marítimos galegos, como centros especializados, deseñan unha folla de ruta colaborativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presidiu no Museo do Mar de Galicia unha reunión técnica de responsables de museos marítimos para fixar criterios e procurar unha ruta común e buscar formas de colaboración futura entre os distintos museos de temática marítima da nosa comunidade. Na xuntanza, a primeira destas características, participaron os responsables do Museo do Mar da Guarda, do da Navegación de Baiona, do Museo Massó, do Museo ANFACO da industria conserveira, do Museo da salgadeira do Grove, do Museo do Mar de Rianxo, do Museo da Construción Naval “Exponav” de Ferrol e do propio Museo do Mar de Galicia.

Esta xornada de traballo permitirá expoñer os modos de traballo, modelos organizativos e prácticas museolóxicas e museográficas presentes en cada centro e abordar a conveniencia de potenciar os intercambios para aproveitar o coñecemento e crear sinerxías que permitan un mellor traballo cotián en cada un destes museos e o mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Salvagardando a nosa memoria marítima

Na actualidade conviven en Galicia un importante número de museos e centros de interpretación vencellados ao mar que teñen como obxectivo preservar a memoria marítima e mariñeira. Algunhas destas institucións nacen ao abeiro da Administración autonómica ou das deputacións, os mais dependen de distintos concellos e uns poucos son froito da sociedade civil, ben polo pulo de asociacións ou de carácter estritamente privado.

Os inmobles e recursos, así como os modelos organizativos e as vocacións temáticas destes museos son moi diversos, pero entre todos eles definen un tecido de gran amplitude territorial e con importante arraigo social nos seus respectivos eidos locais. Cada un destes centros vela pola salvagarda e protección do inxente patrimonio marítimo de Galicia, desde eidos tan diversos como o da recuperación das embarcacións tradicionais, a arqueoloxía subacuática ou a etnografía mariñeira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia