Skip to main content

As Rutas do Viño de Galicia ofrecen visitas nas cinco denominacións de orixe

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a quinta edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, nas que o visitante poderá acceder de xeito gratuíto e guiado ás máis de 100 adegas participantes das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de enoturismo, que inclúe catas e degustacións.

A actividade desenvolverase os días 21 e 22 deste mes nas rutas das denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro e fin de semana seguinte, días 28 e 29, nos itinerarios de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Durante a presentación, Nava Castro destacou o auxe experimentado polo turismo enolóxico do cal afirmou se está a converter nun dos principais reclamos de Galicia. De feito, segundo explicou, Galicia é a primeira Comunidade en canto a certificacións de calidade no sector do turismo industrial, por riba de comunidades cunha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia expuxo o gran potencial co que conta a nosa comunidade para combinar a degustación de viños de calidade coa visita ás paisaxes e singularidades dos territorios nos que se producen.

Este tipo de oferta, segundo afirmou Nava Castro, contribúe a chegar a novos públicos e á desestacionalización do turismo na nosa Comunidade. Así mesmo, explicou que a dinamización das adegas e viticultores galegos é unha liña estratéxica do Plan Integral de Turismo da nosa Comunidade.

A directora de Turismo de Galicia cualificou esta actividade de turismo enolóxico como un referente e un evento integrador excepcional ao ser Galicia a única comunidade autónoma española que ofrece unha promoción conxunta dos seus territorios vinícolas. Tamén asegurou que esta iniciativa acadou gran éxito de participación en edicións anteriores mellorando a difusión do produto e dos produtores e dinamizando o turismo nos territorios das denominacións de orixe galegas.

Programa de actividades e vantaxes

Ademais das visitas a adegas e a museos do viño e das catas, varios restaurantes de cada unha das zonas ofrecerán dous menús elaborados especialmente para a ocasión, que incluirán primeiro e un segundo prato, acompañados de viño da correspondente denominación de orixe, e sobremesa. Así mesmo, ofrecerán menús infantís para nenos menores de 12 anos.

Por outra parte, os visitantes poderán coñecer as distintas zonas de produción vitivinícola mediante rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos e outras iniciativas acompañadas de descontos en aloxamentos e outros eventos relacionados co mundo do viño.

Para achegarse ás diferentes bodegas participantes, ao igual que en anteriores edicións, estará en servizo o Bus do Viño. Deste xeito, os participantes poderán vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia