Skip to main content

Galicia e Marrocos estudan as posibilidades de colaboración en materia de formación pesqueira

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, mantivo unha xuntanza de traballo cunha delegación de Pesca do Goberno de Marrocos, encabezada polo director xeral adxunto da Oficina Nacional de Pesca deste país, Mohamed Tarmidi. López Veiga, que estivo acompañado na reunión pola directora xeral
de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Rosa Quintana; e polo director de Estructuras e Mercados da Pesca, Andrés Hermida, puso a disposición do país africano todos os medios dos que dispón a Consellería para colaborar en materia de formación pesqueira.

Nesta primeira toma de contacto, a delegación marroquí expresoulle ó
conselleiro de Pesca o seu desexo de convidalo nun futuro próximo a visitar
Marrocos para compartir experiencias e seguir avanzando así nas liñas de
colaboración.

Pola súa banda, López Veiga explicou ás autoridades marroquíes o
funcionamento da pesca e a acuicultura en Galicia e informoulles dos
proxectos de cooperación que a Consellería mantén con diferentes países
como Honduras, El Salvador, Chile, Nicaragua, Guatemala, Ecuador, Brasil,
Perú, Mauritania ou Namibia. Marrocos coñeceu así a intensa política
internacional que leva a cabo a Xunta no sector pesqueiro para apoiar o
progreso doutros pobos. Ademais, a delegación amosou tamén o seu interés
polo proceso de construcción de barcos e a xestión levada a cabo nos portos
galegos.

Visitas ós centros de formación e investigación
da Consellería de Pesca

Trala reunión mantida co conselleiro en San Caetano, os integrantes da
delegación de Marrocos, acompañados pola subdirectora xeral de Xestión e
Investigación mariña, Dolores Rodríguez, viaxaron ata Vigo para coñecer o
Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro. Na segunda xornada de traballo a comitiva ten
previsto visitar ás 9:00 horas o IGAFA, o Instituto Galego de Formación en
Acuicultura da Illa de Arousa, onde estarán acompañados polo subdirector
xeral de Ensino e Desenvolvemento Pesqueiro, Eduardo Suárez. A viaxe
oficial a Galicia rematará coa visita ó Centro de Control do Medio Mariño
de Vilaxoán, prevista para as 11:30 horas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta