Skip to main content

A Cidade da Cultura celebra no Gaiás o Día das Letras Galegas cun homenaxe multimedia a Manuel María

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o Día das Letras Galegas no Gaiás cunha homenaxe cidadá a Manuel María a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións e ata un obradoiro de rap.

Para homenaxear ao poeta lucense, a Cidade da Cultura convoca á cidadanía galega a achegarse ao Gaiás e participar nun recital colectivo co que poñer en valor a figura e a obra de Manuel María. Así, a partir das 12:30 horas, a Sala Eisenman acollerá ‘Verso busca voz’, un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK.

De balde, previa inscrición

Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse en cidadedacultura.gal e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún. As persoas que desexen asistir como público poderán achegarse á Sala Eisenman e gozar do espectáculo totalmente de balde.

Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un ‘Obradoiro de poesía e rap’ a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición en cidadedacultura.gal.

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, vermú de Petroni e olivas de Eidos de Iria.

Teatro e libros ilustrados

A programación das Letras Galegas complétase co conto teatralizado ‘Carteiro en bicicleta’ de Caxoto Contacontos, un espectáculo onde conflúen varias disciplinas a partir das experiencias e vivencias dun carteiro “dos de antes” que nos fala do seu traballo, das rúas, das efemérides... e sobre todo dos grandes autores da literatura galega. A actividade terá lugar o 22 de maio ás 18 horas no auditorio Xosé Neira Vilas e a entrada é libre ata completar aforo.

Ademais, o 29 de maio terá lugar na Biblioteca de Galicia o obradoiro ‘A casa de Manuel María’, no que nenos de 5 a 12 anos poderán ilustrar os poemas e textos do escritor homenaxeado, ademais de construír un libro despregable coas súas ilustracións. O obradoiro terá lugar ás 12 horas e a entrada é de balde previa inscrición en cidadedacultura.gal.

Con estas actividades, a Cidade da Cultura súmase á homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle rende a Manuel María, poeta lucense autor dunha extensa obra, expoñente do activismo político e representante da conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia