Skip to main content

O BNG pregunta a Feijóo polo “clamor” contra as reválidas e contra a LOMCE

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos que serán debatidos na vindeira sesión plenaria do 24-25 de maio, trala celebración da Xunta de portavoces.

Jorquera adiantou que o BNG preguntará a Feijoo sobre a razón pola que non escoita o “clamor” da Comunidade educativa galega contra as reválidas da LOMCE. Para o portavoz nacionalista, a resposta da Comunidade educativa é unha “auténtica moción de censura” ao modelo imposto pola LOMCE e tamén “unha moción de censura” á Xunta de Galiza pola súa “submisión ao Goberno central”.

Jorquera lembrou que o presidente da Xunta acusou ás familias de estar manipuladas e o conselleiro de Educación manifestou que a asistencia ás reválidas foi “razoable, “ a pesar do “acoso político á que está sometida a LOMCE”, neste sentido, o nacionalista tildou de “respostas sintomáticas da desconexión do Goberno galego coa sociedade”. Un goberno, insistiu, “obstinado” en manter unhas probas que non serán realizadas en doce comunidades.

Ademais, Francisco Jorquera avanzou que o BNG defenderá unha Moción sobre a Política Lingüística da Xunta, outra proba, dixo de “desconexión do Goberno coa sociedade galega. O goberno, recalcou, “tampouco escoita o clamor que esixe un cambio na orientación da política lingüística” como quedou patente onte, 17 de maio, Día das letras Galegas.

Na Moción, dixo o nacionalista instamos á Xunta cumprir coa “legalidade” conforme o estipulado na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, elaborar un novo decreto que regule a normalización lingüística consonte ao Plan Xeral de Normalización Lingüística e adoptar medidas que garantan a presenza da lingua galega no ámbito xudicial e medios de comunicación.

Por outra parte, á iniciativa do BNG tamén serán debatidas dúas proposicións non de lei, unha destinada a regular unha prestación de carácter periódico para as mulleres que sofren violencia de xénero e outra sobre gastos de propaganda da Xunta pola que se insta á Xunta a eliminar os gastos de publicidade que non sexan obrigatorios pola normativa de contratación ou pola necesaria información de procesos públicos que así o requiran. Ademais, o grupo nacionalista, leva novamente ao Parlamento os retrasos nas citas para consultas de revisión oncolóxica.

Finalmente o BNG interpelará ao Goberno sobre o funcionamento e as carencias do actual modelo de emerxencias, extinción de incendios e salvamento en Galiza e dúas preguntas relativas ás axudas públicas á empresa conservas ALONSO tras o anuncio do peche da súa factoría en Celeiro e outra sobre a exclusión de profesionais da Historia, a Arqueoloxía ou Xeografía para poder facer visitas guiadas ao Patrimonio galego catalogado como ben de interese cultural.
Gabinete de Comunicación do BNG