Skip to main content

O queixo da Denominación de Orixe Protexida Tetilla xera un valor de 9 millóns anuais

A Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla agrupa a máis de 1.800 produtores e 38 elaboradores, que producen anualmente preto de 1.500 toneladas de queixo, cun valor económico próximo aos 9 millóns de euros. Así o destacou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na inauguración do I Encontro de bloggers gastronómicos desta DOP, que se celebra en Santiago.

A directora xeral pediulles aos blogueiros a súa “complicidade como divulgadores” para poñer en valor non só o queixo Tetilla senón, en xeral, todos os produtos agroalimentarios galegos.

Neste sentido, Belén do Campo indicou que “en Galicia temos a sorte de contar con infinidade de produtos de calidade, entre os que destaca o máis rico leite”, co que se elaboran os “afamados” queixos, que contan con recoñecementos de calidade como as denominacións de orixe protexidas (ademais de Tetilla, en Galicia teñen este selo os queixos Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa).

Na súa intervención neste acto, a directora xeral salientou ademais que a gastronomía galega constitúe un dos principais atractivos da nosa Comunidade. Esta cultura culinaria, engadiu, é posible grazas a que “os produtos galegos teñen as súas propias peculiaridades, cociñados de forma familiar e artesanal, pausada, abundante e variada”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia