Skip to main content

12 artistas interactúan con fondos da Fundación Cela no centenario do Nobel galego

‘Compañías convenientes. Diálogos contemporáneos co home poliedro’ é o título da nova iniciativa coa que a Fundación Pública Galega Camilo José Cela celebra o centenario do nacemento do premio Nobel galego. A arte contemporánea é o eixo central deste proxecto expositivo no que un total de 12 artistas interaccionan con obras literarias, obxectos e espazos da fundación para propoñer un achegamento creativo á figura e ao legado literario do escritor padronés.

Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova contribúen nesta mostra con cadansúa obra de arte contemporánea, na que ofrecen a súa visión particular sobre o autor de ‘A familia de Pascual Duarte’.

Ata o 24 de setembro, a exposición pode visitarse na sede da fundación, no concello de Padrón, onde foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola comisaria, Paula Cabaleiro, nunha rolda de prensa na que os e as artistas participantes realizaron un percorrido guiado pola exposición, e que tamén contou cunha performance a cargo de David Catá.

No título da mostra conflúen o título dunha publicación que recolle unha selección de artigos de Cela, ‘Las compañías convenientes’, e mais o espírito da súa cita na que asegura que “o individuo non é xamais un plano senón un poliedro”, segundo explicou durante a presentación o secretario xeral de Cultura, quen recordou “o valioso legado” custodiado pola fundación, con coleccións de pintura, gravado e ilustracións, unha completa biblioteca, un destacado epistolario, o compendio dos manuscritos orixinais de Cela e diversas coleccións.

Un achegamento “poliédrico” á figura de Cela

Unha instalación de metal, madeira e documentación gráfica para recrear o vagabundear do escritor pola paisaxe da Alcarria; unha colaxe de acuarela a partir do filme de ‘La colmena’ de Mario Camus; un retrato do escritor para integrar a pintura na gran colección de caricaturas de Cela que se custodia na fundación; unha fotografía baseada na analoxía do estudio do artista e do seu proceso creativo, e a mesa de despacho de Cela; e unha instalación audiovisual que convida o espectador a realizar unha viaxe en taxi para rememorar a súa contorna máis próxima son algunhas das obras que conforman o proxecto expositivo ‘Compañías convenientes’.

O centenario dun Nobel

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela vén desenvolvendo ao longo de 2016 un diverso programa de actividades para convidar a cidadanía a participar na celebración do centenario do escritor. Entre elas destaca a mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España o vindeiro 4 de xullo e que despois se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Mostras como ‘O gran coleccionista’, xornadas de literatura, certames literarios, actividades escolares e diferentes proxectos de dixitalización completan esta programación conmemorativa, na que participan numerosas administracións e entidades, como son o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela, Internacional Menéndez Pelayo e de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia