Skip to main content

O presidente da Xunta entrevistouse co xeneral da Brigada Xefe da XV Rexión da Garda Civil

[FOTO2]O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, entrevistouse en San Caetano co xeneral de Brigada Xefe da XV Rexión da Garda Civil, José Luis García Sánchez.

Segundo indicou o titular da Xunta, García Sánchez acudiu a despedirse porque “pasa á reserva”, aínda que salientou que manterá a súa residencia en Galicia. Manuel Fraga destacou a “eficacia” da Garda Civil e a “magnífica comprensión” existente entre as dúas institucións ao longo do mandato de García Sánchez.

Por outra banda, o xefe do Executivo autonómico manifestou que “ademais desta despedida”, o xeneral veu acompañado do comandante alcázar encargado de organizar en Galicia unha exposición “sobre a loita da Garda Civil contra o terrorismo”. Esta mostra, dixo Fraga, xa estivo en Madrid e na Rioxa, e o vindeiro día 6 abrirá as súas portas ao público na Coruña. Trátase, explicou, dunha proposta “vista dende a óptica da eficacia desta loita”.

Neste sentido, o máximo mandatario galego declarou que o terrorismo existiu “en todos os tempos, dun xeito ou doutro” aínda que indicou que “non co volume que ten acadado nas sociedades actuais” e chamou a atención sobre o feito de que se dá “non só en rexións de miseria ou opresión, senón en lugares de abundancia como é o País Vasco”. Para Manuel Fraga estes aspectos “fan que teñamos que meditar moito sobre elo”.

José Luis García Sánchez, pola súa banda, expresou o seu “agradecemento” “tanto ao presidente da Xunta como á institución que representa, a axuda, a colaboración e o trato que me teñen dispensado para que o meu mando en Galicia fora o máis grato posible”. Así mesmo, García Sánchez amosouse convencido da “eficacia” da súa xestión e os seus desexos de que “o que me substitúa continúe a miña o meu labor e o faga aínda mellor ca min”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia